A 2ª edición do FIEC ilustrou os distintos camiños para levar os museos á Rede
xoves, 8 de novembro do 2012
O II Foro Internacional de Espazos
para a Cultura (FIEC) celebrou hoxe a súa segunda xornada, e na sesión da mañá
contouse coa presenza da conservadora de Novas Tecnoloxías e responsable de
Internet do Israel
Museum, Susan Hazan, e o
conservador de Contidos Dixitais e responsable do e-Museo dos Museos Científicos Coruñeses, Francisco Doménech, que amosaron 2
visións contrapostas do uso da Rede que pode facerse dende os museos, de xeito
que o caso israelí entraría no ámbito da virtualización do espazo físico, mentres
que dende A Coruña optaron por desenvolver espazos en liña para a divulgación
das súas exposicións.
Susan Hazan amosou a presenza que o Israel Museum de Xerusalén ten na Internet,
destacando a súa colaboración no Google Art Project, de xeito que dende a web
pódese acceder a boa parte do seu patrimonio artístico dixitalizado, o que
permite, entre outras cousas, contemplar
con grande detalle os Manuscritos do Mar Morto (que ao publicarse na rede
conseguiron superar o millón de visitas case de vez). Aproveitando a tecnoloxía
de Google Street View tamén é posible percorrer os 81.000 metros cadrados das
instalacións do Israel Museum, achegando unha experiencia bastante fiel á que
suporía unha visita real, pero sen ter que desprazarse ata Xerusalén.
Precisamente o feito de poder visitar virtualmente o Museo suscitou certas
cuestións sobre se este tipo de iniciativas prexudican á afluencia de
visitantes, asegurando Hazan que é todo o contrario, e que a actividade na Rede
supón unha importante promoción.
A conservadora de Novas Tecnoloxías do Israel Museum tamén quixo destacar a
importancia que están a tomar os smartphones e os tablets, que para moitos usos
están a substituír aos ordenadores, e precisamente por iso recomenda que na web
se adopten deseño que se axusten automaticamente a distintos tipos de
pantallas, coidando tamén a accesibilidade, facendo cada vez máis doado que
poidamos ter acceso
á cultura dende a palma da man.
- Francisco Doménech explicou a vía percorrida polos Museos Científicos Coruñeses para ter visibilidade na Rede
O relatorio de Francisco Doménech, pola súa banda, foi bastante diferente,
intentando responder á cuestión de como debe ser a páxina web dun museo,
explicando como decidiron atender a tal incógnita dende os Museos Científicos
Coruñeses. Así naceron varios espazos en liña a xeito de exposicións
interactivas en liña como a de O asombro de Mr. Darwin e Eureka!,
desenvolvidas en colaboración con empresas galegas, e que poderiamos considerar
o xermolo do novo e-Museo, un
interesante almacén de recursos científicos dixitais, facilitando o acceso a
monografías, guías electrónicas, exposicións, audios, vídeos e outros elementos
que achéganse cunha aparencia visual atractiva e con posibilidades que
respectan o espírito dos Museos Científicos Coruñeses.
Concluíndo, ambos relatores coincidiron en que a proxección
dos museos na Internet só ten vantaxes, podendo abordarse tal misión por
distintos camiños, buscando sempre a maior divulgación da cultura.
- Susan Hazan destacou a importancia de levar os museos aos dispositivos móbiles