A Coruña acollerá a 4ª edición de LaconNetwork

mércores, 28 de abril do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro venres no local de hostalaría Cook sito na coruñesa rúa Padre Feijoo, número 4, acollerá un xantar de emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico galego que responde ao orixinal nome de LaconNetwork, que chega xa á súa 4ª edición, e coma novidade contará coa presenza dun convidado de excepción, Carlos Estévez Mengotti, senior banker no Crédit Agricole Corporate and Investment Bank, que facilitará aos presentes o seu punto de vista sobre os seus emprendementos, así como as posibilidades de atopar business angels.

Carlos Estévez será o convidado a esta edición de LaconNetwork

A participación neste tipo de encontros é moi variada, con profesionais de compañías consolidadas coma Imaxin, Hospedaxes ou Quobis, ata iniciativas de nova creación coma Jobsket ou Pleiteando, pasando por profesionais involucrados no sector TIC, coma desenvolvedores de páxinas web e videoxogos, o avogado especializado en Dereito Informático, Víctor Salgado, ou mesmo o coñecido blogueiro Javier Wicho Pedreira, co-autor de Microsiervos.
Os interesados no evento poden confirmar a súa asistencia a través de Facebook.

PUBLICIDADE