A Escola Superior de Arte Dramática abre un apartado web adicado a Roberto Vidal Bolaño

xoves, 25 de abril do 2013 Redacción

Anunciábase en xuño do pasado ano que Roberto Vidal Bolaño sería a figura homenaxeada no 17 de maio deste 2013. Máis que merecida é esta escolla para o Día das Letras Galegas, pois Vidal Bolaño é un dos eixos centrais para comprender a esencia do noso teatro. Estamos perante un artista todoterreo: creador, actor e difusor do idioma galego (foi un escritor monolingüe) e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia toma boa nota disto e anuncia a apertura dunha sección sobre Roberto Vidal Bolaño, accesíbel na páxina esadgalicia.com. Salienta deste espazo o material educativo, composto por 10 carteis e unha unidade didáctica para a realización de tarefas lúdicas e interdisciplinares relacionadas coa produción escénica do compostelán.
Cómpre subliñar que no apartado Ano Roberto Vidal Bolaño, achegaranse novas sobre as estreas de espectáculos, libros, conferencias, artigos, actividades e vídeos relacionados co autor compostelán. Damos conta tamén de que no vindeiro programa de teatro radiofónico A Pegada do Eco (realizado en Radio Ecca coa colaboración do alumnado e do servizo de normalización lingüística da ESAD de Galicia), a obra Os Cochos de Vidal Bolaño será a protagonista, amais do conxunto da produción do autor. Engadir que os podcast deste programa tamén se poderán baixar da web www.esadgalicia.com.
Asemade, o 17 de maio -Día das Letras Galegas- a ESAD estreará no Auditorio de Vigo o espectáculo Anxeliños, comedia satánica; obradoiro de teatro contemporáneo do alumnado de 4º de Interpretación textual.

PUBLICIDADE