A Galipedia cumpre sete anos achegando coñecemento libre

mércores, 10 de marzo do 2010 Fernando Sarasketa

A cultura galega na Rede está de celebración. A Galipedia, versión da enciclopedia en liña Wikipedia no noso idioma, cumpriu sete anos de vida este 8 de marzo. Segundo fan saber os responsables desta importante fonte galega de coñecemento e se fan eco webs como a de Vieiros e Chuza!, a iniciativa xa deixou atrás a liña dos 56.200 artigos e dos 17.000 usuarias/os (dos que máis de 300 atópanse en plena actividade), o que sitúa á Galipedia no número 41 das versións dispoñibles, un total de 271. A feitura galega da Wikipedia, que se supón creada polo usuario Agremon (Antonio Gregorio Montes), ten como principal finalidade a de afondar no coñecemento universal a través dunha óptica nosa, dispoñéndose en espazo aberto á colaboración que pretende ser tamén unha xanela para coñecérmonos, dende fóra e dende dentro.
Amais do impulso achegado polo devandito usuario Agremon, a Galipedia contou para o seu fortalecemento coa contribución de internautas galegos como o mestre Miguel Bugallo, un dos máximos impulsores desta iniciativa dixital en continuo proceso de espallamento. Segundo os usuarios que lle dan corpo e fondo, a Galipedia destaca polo bo ambiente que se vive na comunidade creada ao seu abeiro, un colectivo que abre as súas portas a tódalas persoas que queiran colaborar e sen que sexa preciso dispor de grandes coñecementos de informática ou tecnoloxía. O medre desta fonte de información en liña baséase na colaboración dos seus editores, o que posibilita a creación dunha ponte entre a Galiza tradicional e a das novas tecnoloxías que abrolla.

PUBLICIDADE