A LaconNetwork viaxa este venres a Ribadavia

mércores, 23 de xuño do 2010 Marcus Fernández

Este venres terá lugar a 6ª edición da LaconNetwork, encontro tecnolóxico que desta volta trasládase ata a Ribadavia co gallo da proximidade da Feira do Viño do Ribeiro, de xeito que o xantar que terá lugar a partir das 15:00 horas na antiga Igrexa da Magdalena continuará nunha visita e cata na Cooperativa Vitivinícola do Ribeiro.
Os participantes congregaranse inicialmente na Praza Maior de Ribadavia a partir das 14:00 horas, e os interesados en asistir a este evento de balde no que emprendedores e profesionais do sector tecnolóxico comparten experiencias e pareceres deberán formalizar a súa inscrición vía web e poderán optar a facerse cunha fin de semana para 2 persoas na Casa dos Ulloa (que sortearase entre os asistentes).
A participación neste tipo de eventos é moi variada, coma pode comprobarse a través de Facebook, de xeito que poderemos ver dende aos fundadores desta iniciativa (os compoñentes de ConfirmSign e Pleiteando) ata xente de compañías coma Jobsket, Galinus, Buscadestinos.com, HELLOgalicia ou Primate Multimedia, o que fai que o encontro teña interese polo potencial humano que xúntase para tecer de xeito informal un sector TIC galego.

PUBLICIDADE