A OSHWDem 2016 acubillará un torneo de robótica para “negados” en robótica

mércores, 17 de agosto do 2016 Fernando Sarasketa

Seguimos a falar da máis que interesante irmandade entre o espírito Maker (o espírito de loitar contra todos os límites e atrancos que se poidan interpoñer entre nós e a creación de tecnoloxías coas nosas propias mans) e a nosa terra. Se hai uns días lembrabamos como quecía motores o Market Faire Galicia (ao berro de Haiche moito maker! e reivindicado un xeito de reciclar e argallar que nos vén da antigo), agora é a quenda da OSHWDem, unha cita referencial impulsada por BricoLabs para os defensores de “faino ti mesmo” e que celebrará unha nova edición, a quinta, na Domus da Coruña. Será o 5 de novembro e en vindeiras datas poderemos ir sabendo máis cousas do programa previsto, unha vez máis artellado sobre todo tipo de achados e ideas relacionados co hardware e a cultura libre.
Entre as actividades das que se está informar cómpre salientar o III Torneo Galego de Sumo Robot ou a celebración da competición de robótica Hebocon. Esta última actividade consiste nunha competición de robótica para, en palabras dos impulsores, “persoas tecnicamente desfavorecidas”. Ou sexa, xente que non ten coñecemento algún de programación nin é “quen de distinguir un LED dunha resistencia”. Entre os puntos a destacar polos organizadores do certame, tendo en conta o devandito, non figurarán polo tanto a capacidade técnica do robot nin do seu construtor, “senón todo o contrario”. E engádese: “Hebocon é unha competición de sumo onde robots defectuosos, cun deseño entre mediocre e espantoso e cunhas características técnicas deficientes, tentan participar para derrubar ao seu adversario”.
Máis sobre OSHWDem
Na OSHWDem 2016 colaboran a Asociación Ghandalf ao abeiro do convenio de colaboracións entre as AGULS e a AMTEGA para a difusión do software libre en Galicia. Este evento botou a andar en 2012, seguindo a filosofía BarCamp sobre electrónica e Open Source Hardware e permitindo, polo tanto, que o público puidese facer un achegamento aos ámbitos tecnolóxicos de maior dinamismo nos últimos anos. A cita está organizada pola asociación BricoLabs, que semanalmente xunta a interesados en deseñar, construír e probar todo tipo de trebellos propostos polos propios participantes, e que nesta feira contan con convidados doutras partes da Península, que amosarán os seus proxectos e impartirán relatorios do máis variado.

PUBLICIDADE