A Xunta destina novo financiamento á dixitalización das aulas de ensino público

mércores, 11 de marzo do 2015 Redacción

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para expor as liñas estratéxicas do departamento que dirixe no que queda de lexislatura, un itinerario no que se reforza tanto o esforzo investidor como os aspectos cualitativos para dar un novo pulo ao modelo educativo, para o que comprometeu un investimento de máis de 18,4 millóns de euros para a ampliación e dotación de equipamento aos centros de ensino.
Para a mellora de infraestruturas educativas a Consellería xestionará preto de 18,4 millóns de euros dos que máis de 6,1 destinaranse a obras de ampliación e mellora dos centros e dos seus equipamentos, e outro millón de euros irá dirixido á adquisición de equipamentos de alto valor tecnolóxico para o seu uso nas ensinanzas de Formación Profesional.
Os restantes 11,2 millóns de euros serán xestionados pola Consellería e a AMTEGA para incorporar ás aulas públicas de 5º e 6º de Primaria e da ESO equipamento informático renovado (encerados dixitais, proxector...) así como acceso á Internet. A nova actuación, de dixitalización do 100% das aulas públicas nestas etapas, ten que como obxectivo facer desaparecer a fenda dixital nos centros educativos. Ademais, dáse continuidade á estratexia de implantación das TIC no sistema educativo iniciada en 2010 co Proxecto Abalar e continuada en 2014 co programa de libro dixital E-Dixgal.

PUBLICIDADE