A Xunta estrea o primeiro simulador forestal de Galicia

luns, 8 de febreiro do 2010 Raquel Noya

A Consellería de Traballo e Benestar, a fin de ensinarlle aos futuros operarios o manexo de autocargadores e procesadores forestais, vén de adquirir o primeiro simulador forestal de Galicia para o adestramento nas máquinas de procesado forestal.
A iniciativa parte do Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago, que puxo en marcha o novo equipo tecnolóxico de simulación, de última xeración e o máis completo existente no mercado, para reproducir coa máxima exactitude as situacións no entorno real do traballo.
O equipo, que conta cun potente sistema informático, pode por en escea múltiples escenarios posibles ata simular o movemento da máquina segundo as características do terreo ao contar cunha plataforma móbil.
Asemade, o simulador permite o seguimento do alumno no seu adestramento, xa que é quen de rexistrar todos os resultados dos exercicios simulados.
O emprego destes equipos na formación é habitual en países como Finlandia, Canadá ou Suecia. En España a incorporación desta tecnoloxía é máis recente, e no caso de Galicia é o primeiro sistema destas características instalado na comunidade autónoma.
A aposta da Xunta polo uso deste sistema ven de por de manifesto que a Dirección Xeral de Formación e Colocación, na súa rede de centros propios, está de xeito permanente facendo as adaptacións e inversións necesarias para ofertar calidade e innovación.
Na imaxe, un simulador forestal en 3D usado actualmente no País Vasco.