A aplicación Pages permite a exportación de documentos a formato ePUB

venres, 27 de agosto do 2010 Marcus Fernández

O paquete ofimático de Apple, iWork, actualízase á versión 9.0.4, solucionando problemas coas táboas en varias das súas ferramentas, así coma outros fallos detectados, destacando especialmente unha novidade na aplicación Pages 4.0.4, que agora permite exportar documentos en formato ePUB, facilitando así a súa lectura en iBooks (o popular lector de e-books para iPad e iPhone).
Pages xa permitía exportar documentos a formatos coma o PDF (tamén compatible con iBooks) pero ao facilitar a creación de documentos ePUB contribúese á popularización deste formato, que resulta moi cómodo para a lectura de texto puro (coma novelas, relatos ou artigos con pouco apoio gráfico).
Para facilitar a creación de documentos ePUB Apple publicou unha serie de consellos para crear ficheiros deste tipo, pois os usuarios deben ser conscientes que este tipo de documentos seguen unha filosofía moi diferente aos PDF (pensados para un deseño de páxina de tamaño fixo) mentres que os ePUB contan con texto líquido, o que facilita a súa lectura en diversidade de soportes (dende o ordenador ata o móbil).