A aplicación de realidade aumentada Layar permite amosar información de Ipoki

xoves, 20 de agosto do 2009 Marcus Fernández

Ipoki é unha das capas dispoñibles en Layar

A actualización de Layar, a aplicación de realidade aumentada para terminais Android que permite presentar en pantalla distintas capas de datos superpostas para enriquecer as imaxes captadas pola cámara dos móbiles, e que a partires da súa última actualización funciona en todo o mundo, xa conta cunha capa de Ipoki, de xeito que activando esta opción é posible ver onde se atopan os usuarios públicos de Ipoki que estean preto, o que resulta un orixinal xeito de ver o que acontece ao redor.

Ipoki é un servizo web achegado por unha empresa coruñesa, que permite compartir a posición xeográfica dos seus usuarios valéndose de tecnoloxía GPS, polo que casa perfectamente con aplicacións coma Layar, xa que a tecnoloxía de realidade aumentada tamén está baseada en GPS (aínda que co apoio dun compás para determinar a dirección na que enfoca a cámara do móbil).