A nova edición do Congreso de Software Libre para a Educación terá un extra de espírito participativo

venres, 9 de maio do 2014 Fernando Sarasketa

A plataforma Igaciencia (iniciativa colectiva para a divulgación da ciencia galega e para afianzar o galego na ciencia) informounos estes xoves que xa está en marcha a preparación da terceira entrega do seu Congreso de Software Libre para a Educación, unha das grandes citas galegas do ámbito docente e tecnolóxico, co engadido de estar centrada na programación aberta e nas súas vantaxes no ensino, case con toda probabilidade maiores cás do software pechado e privativo, sobre todo por achegar aquela menores custes de adquisición e meirande marxe de adaptabilidade e manexo (a súa condición de aberta permítenos acceder ao código fonte e enriquecelo, formarnos nel e afacelo ás nosas necesidades concretas). O congreso celébrase no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago, os días 1 e 2 de xullo.
Segundo nos conta Manuel Díaz Regueiro (Igaciencia), os puntos fortes desta terceira edición son sen lugar a dúbidas os seguintes: emprestarase especial atención á tecnoloxía electrónica ao alcance de todas e todos (Arduino, Processing), amosaranse as posibilidades de diversos recursos para fomentar a nosa creatividade (YouTube, Adudacity, Processing) e convidarase a profesorado da nosa terra para comentar de primeira man as súas experiencias tecnolóxico-docentes. A idea, neste senso, é reducir o peso habitual dos relatorios oficiais e ampliar a marxe para amosar o día a día dos profesionais do ensino co software libre en calquera das súas manifestacións. Ao fío disto, o programa de actividades discorre en boa medida paralelo aos preceptos da programación aberta: é un programa participativo a través do que se nos convida a expoñer o noso punto de vista ante o público. Para animar a este espírito colectivo e aberto, a organización dispuxo na web do congreso un apartado onde se acubillan contidos susceptíbeis de seren abordados nos posíbeis relatorios, que tanto poden ser “os xerais relativos ao mundo das TIC na educación, como os específicos do software libre”. Por certo, para quen queira inscribirse como asistente, dicirlle que xa está aberto o prazo para facelo.

PUBLICIDADE