PuntoGal

O noso boletín por e-mail conta xa con 2.886 lectores. ¡Subscríbete!
Código Cero

Diario de Novas Tecnolóxicas de Galicia

A primeira cata por videoconferencia de España, celebrada dende Chantada, desenvólvese con éxito

venres 12 de marzo do 2010, por Raquel Noya | | Compartir en Tuenti | Compartir |

Pouco ou nada podían sospeitar os organizadores da primeira edición da Feira do Viño de Chantada, celebrada no ano 1983, que algún día esta festa chegaría a facer historia no noso país ao protagonizar a primeira cata de viños a través de multivideoconferencia de España.
O acto tivo lugar onte, xoves 11 de marzo, cando máis de 160 persoas participaron por videoconferencia nunha peculiar cata de viños celebrada dende Chantada, onde se celebraba xa a XXVIII edición da Feira do Viño, que foi seguida por sete Telecentros de Comunicación das catro provincias.
Desde o TC chantadino, a enóloga Mar Vilanova de la Torre, investigadora do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), foi a encargada de guiar aos asistentes na cata de viños da subzona da localidade: Viño do Fortes (branco), Quinta de Alborada (tinto) e Vía Romana (Tinto de barrica). Vilanova estivo acompañada polo responsable do TC, Segundo Navaza, moderador do evento; e por Roberto Iglesias Delgado, membro da Comisión organizadora da Feira do Viño de Chantada.
Esta iniciativa, pioneira en España, puido ser seguida desde os Telecentros de Comunicación de Oroso, Santiago, Catoira, Carballo, Tui, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos, onde se deron cita, ademais dos participantes no acto, representantes das distintas corporacións municipais. Varios deses TC rexistraron máis solicitudes que prazas dispoñibles, o que dá conta do éxito que tivo esta peculiar actividade.
Todos os asistentes dispuxeron do material necesario para a degustación: mantel de cata, cuspideira, cataviños, sacarrollas, baetas, caldos... e despois da peculiar cata, sacáronlle partido ás vantaxes da videoconferencia para formularlle á enóloga as súas dúbidas e comentar as súas experiencias nesta materia.
Esta iniciativa desenvolveuse no marco da rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT), encargada de coordinar as actuacións das distintas aulas públicas de acceso a Internet da comunidade.

 

Grupo Código Cero Comunicación, S.L.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68

 RSS