A primeira viaxe de proba de coches autónomos en España partiu hoxe de Vigo

luns, 23 de novembro do 2015 Marcus Fernández

Hai unha semana Dirección Xeral de Tráfico estableceu o marco para a realización de probas con vehículos de condución automatizada por vías abertas á circulación, permitindo así realizar ensaios de investigación para facilitar o futuro desta tecnoloxía, de xeito que séntanse os alicerces para o I+D nesta materia no noso territorio, oportunidade que non quere deixar pasar Peugeot Citroën, que tras recibir a primeira autorización para iniciar as probas dos seus coches autónomos en España, iniciou hoxe unha viaxe de 599 quilómetros entre Vigo e Madrid nun Citroën Grand Picasso equipado con tecnoloxía para a súa condución autónoma, aínda que sempre cun condutor humano supervisando o proceso (para cumprir cos obrigas regulamentarias).
O prototipo de Citroën será capaz de adaptar a velocidade aos límites da vía e ás condicións do tráfico e incluso realizar adiantamentos sen intervención do condutor, e realizará de xeito autónomos os tramos que percorren por autovías e autopistas (ou sexa, vías nas que ambos sentidos de circulación están separados por medianeiras).
O primeiro tramo da viaxe emprendida esta mañá foi entre Balaídos e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) no Porriño, con máximos responsables da compañía automobilística viaxando no vehículo; mentres que no segundo tramo, entre Porriño e A Cañiza, foron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, e o conselleiro de Economía, Traballo e Industria, Francisco Conde, os que puideron gozar da viaxe neste revolucionario vehículo. Pola tarde realizarase a recepción do vehículo na factoría de PSA Citroën en Madrid.

Núñez Feijoo e Francisco Conde probaron o vehículo no traxecto entre o Porriño e A Cañiza

Núñez Feijoo, asegurou, tras participar no mencionado traxecto de proba, que o vehículo autónomo deseñado por PSA Peugeot Citroën acredita o alto nivel do traballo que veñen desenvolvendo Galicia e o Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) no eido da condución automatizada. Sinalou que PSA acertou ao confiar na tecnoloxía galega, porque queda acreditado que “Galicia non so é un bo lugar para construír automóbiles, que o é; non só é un bo lugar para deseñar e construír as pezas e os accesorios para os vehículos, senón que tamén é un bo lugar para aproximarnos ao futuro da automoción”.
Este vehículo é resultado do traballo conxunto entre o CTAG e PSA, que puxeron en marcha en 2014 a primeira unidade mixta de investigación impulsada pola Xunta entre unha empresa multinacional e un centro tecnolóxico galego. Unha unidade á que lle correspondeu desenvolver as tecnoloxías de interacción entre o condutor e o automóbil (o chamado programa HMI), para o que contou cun investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.

O coche autónomo de Citroën xa realizou unha viaxe de proba en Francia o pasado verán

Vídeo no que podemos ver como é o funcionamento do vehículo autónomo de PSA Citroën

PUBLICIDADE