A receita electrónica privada xa é unha realidade no hospital vigués Povisa

mércores, 16 de xullo do 2014 Redacción

O hospital vigués Povisa súmase á receita electrónica tamén para os pacientes privados. Logo do acordo subscrito hoxe entre o hospital e a Organización Médica Colexial de España (OMC), Povisa – que emite mensualmente de media unhas 6.000 receitas privadas- integrou o sistema de prescrición electrónica desenvolvido pola OMC despois de amosar a súa fiabilidade tras máis de 23 millóns de receitas amais de estar presente en todas as farmacias, ao ser desenvolvido en colaboración co Consello Xeral de Farmacia.
Asemade, os médicos terán plena dispoñibilidade online de talonarios electrónicos de receitas as 24 horas e os 7 días á semana, permitíndose o acceso á prescrición só a aqueles doutores que teñan a certificación profesional do Colexio Médico. Estas características achegan “un rango de seguridade que ningún outro sistema achega”, segundo comentou esta semana o director asistencial do Hospital Povisa, Luís Geremías, que compareceu ante os medios de comunicación xunto ao presidente do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra, Luís Campos Villarino, para explicar o acordo. Emporiso, “o manexo da información cumpre estritamente coa Lei Orgánica de Protección de Datos e contémplase a casuística da sanidade transfronteiriza, de maneira que os pacientes privados de Portugal poden mercar os seus fármacos nas farmacias do país veciño coas receitas prescritas en Povisa”. Así mesmo, os pacientes privados españois de Povisa poden, con este sistema, adquirir os seus medicamentos en calquera farmacia de España.
Outra vantaxe deste modelo é que obriga a presentar o DNI na farmacia e reflicte o historial das dispensacións para cada paciente, o que impide a fraude (utilización dunha receita máis dunha vez) e engade un segundo nivel de seguridade á hora de evitar incompatibilidades entre determinados fármacos, xa que nese caso o farmacéutico podería detectalas no seu computador.

PUBLICIDADE