A rede Meta-Net confirma o potencial da tradución automática na supervivencia das linguas en risco como a galega
mércores, 30 de xaneiro do 2013

- Imaxe de grupo dos integrantes da rede europea Meta-Net
A rede de excelencia Meta-Net,
constituída por 60 centros de investigación de 34 países, entre
eles o Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, vén
de presentar unha folla de ruta para o desenvolvemento de novas
tecnoloxías da linguaxe con potencial para facer da rica
variedade idiomática de Europa un factor determinante de crecemento
económico e social. Este, conta a Universidade de Vigo, é o
alicerce dun programa de investigación panaeuropeo para o deseño
das devanditas ferramentas e servizos de tecnoloxías lingüísticas,
a Axenda
Estratéxica de Investigación (SRA). A idea, como dixemos, é
tirar proveito dun patrimonio ao que por desgraza non sempre se
estima tan positivamente e que fica en segundo plano por mor dunha
arela xeral de uniformación que se expresa, decote, a través do
inglés. Falamos de 80 linguas europeas, moitas (como por exemplo a
nosa) en situación de risco ao non contar con relevo xeracional
axeitado, nin na vida real nin na virtual.
Dende o Grupo de de Tecnoloxías
Multimedia da Universidade de Vigo lembran que con recursos como os
diferentes programas de tradución automática, programas eficaces e
de alta calidade, “a diversidade lingüística e cultural do
continente pódese converter nunha vantaxe competitiva, unindo os
esforzos de enxeñeiros e tradutores arredor de empresas e proxectos
de tecnoloxías multilingües”. Nesta
liña traballa, precisamente, a rede Meta-Net.
O
documento presentado ao abeiro desta rede é o froito de traballo da
revisión polo miúdo de 31 libros brancos coa diagnose
doutras tantas linguas. A axenda describe como o investimento en
tecnoloxías da linguaxe xeraría grandes beneficios económicos. A
clave é facer dunha eiva (teórica) unha fórmula de éxito. Ou
sexa, en converter os atrancos lingüísticos en vantaxes
competitivas, “desenvolvendo estas tecnoloxías, deseñando
programas e dispositivos axeitados para cada idioma e creando un gran
mercado, que na actualidade conta xa con centos de pequenas e
medianas empresas con tecnoloxías especializadas multilingües”.
Esta é a conclusión dos preto de 200 expertos que elaboraron a
folla de ruta coas recomendacións sobre a planificación do I+D+i no
eido das tecnoloxías lingüísticas de cara ao horizonte da
Estratexia 20-20.
Este documento foi presentado aos
representantes da Comisión Europea, a investigación, a industria e
a tecnoloxía nun simposio celebrado o pasado venres, o 25 de
xaneiro, en Berlín. A diagnose previa determinaba que 21 dos 31
idiomas analizados estaban en risco de extinción dixital, incluíndo
o galego. Isto significa que carecen das tecnoloxías da información
para poder sobrevivir nun mundo dixital, xa que só unha pequena
fracción da información valiosa está dispoñible en todas as
linguas europeas, convertendo as fronteiras lingüísticas en
fronteiras comunicativas e económicas.
