A rede social galega RedTicos refórzase cunha nova feitura

xoves, 22 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

RedTicos, a comunidade liña para ampliar o eido de actividade da nosa empresa ou o noso perfil laboral (con formación, acceso a proxectos e coñecemento), xa ten nova versión web. A refeitura, que en alcance e potencialidade ben pode ir alén do que poñen en xogo redes sociais como Facebook ou Twitter, por dicir uns exemplos, proponse como un servizo innovador integramente dirixido a facilitar o traballo dos nosos profesionais e das nosas empresas do sector TIC. A través da nova versión, informan os responsábeis desta iniciativa galega nun plano máis específico, poderemos divulgar o noso perfil, promover a empresa, procurar novos socios, ofertar ou buscar emprego, acceder a todo tipo de actividades de formación, participar en proxectos e publicar as nosas opinións ou informacións corporativas de actualidade.
RedTicos, rede social de tecnoloxía desenvolvida e posta en marcha pola asociación galega AGESTIC, céntrase estes días, dende un punto de vista temático, en achegar recomendacións sobre as actividades máis frecuentes estes días na Rede (compras, actividades de lecer, promocións) e en dar conta das grandes novidades tecnolóxicas que vimos de deixar atrás ou que nos agardan co novo ano. Lembrar que RedTicos comezou a súa andaina este ano, co obxectivo de poñer en contacto a tódalas persoas relacionadas coas novas tecnoloxías no noso país, a través dunha rede social, esta da que estamos a falar, creada en Lugo da man de AGESTIC.
O departamento de proxectos de AGESTIC apostou no seu día por un deseño innovador e funcional, deseño que agora se renova e se potencia, sen deixar de lado cuestións de gran importancia como a accesibilidade, ao cumprir as Normas W3C, que regulan a feitura das plataformas para que non teñan obstáculos para a persoas con discapacidade. A web, con todo, aínda está pendente da súa versión en galego, cousa que consideramos fundamental se de verdade se busca aglutinar á meirande cantidade de xente posíbel do noso país, e que melloraría, con moito, o calado da proposta. Porén, de seguro que en breve poderemos gozar dunha versión desta rede social na nosa lingua.
En palabras do presidente da entidade, José María López Bourio, “RedTicos aspira a ser a rede social de usuarios, profesionais e empresas relacionadas coas tecnoloxías e Internet en España e Iberoamérica” ao que engadiu que “sen dúbida será a rede de referencia TIC no mundo que fala español”.

PUBLICIDADE