A revista dixital Criaturas, unha das estrelas do salón Culturgal que comeza este venres
xoves, 4 de decembro do 2014
Esta fin de semana abre
as súas portas Culturgal, o salón da cultura galega, e como dixemos
os días pasados haberá unha boa ración de novas tecnoloxías. A
cita do Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá, entre outras cousas
de claro compoñente tecnolóxico-dixital, a
presentación de Criaturas, a revista dixital
especializada en literatura infantil e xuvenil que vén da man da
escritora Ledicia Costas e o poeta e deseñador Daniel Landesa e que
contan no seu proxecto coa estreita colaboración de escritores e
artistas como Fran Alonso, Carlos Nogueira, Nuria Díaz, Agustín
Fernández Paz, María Jesús Fernández, Mar García Pérez, María
Lado, Montse Pena Presas ou Xabier P. Docampo, entre outras e outros.
A revista, nova á vez que innovadora, xorde co obxectivo de
“constituír un espazo de referencia e un punto de encontro para o
sector”. A presentación será ás 13.30 horas, o sábado 6 no
Culturgal.
Criaturas, segundo
adianta o equipo responsable da súa posta en marcha, dará acubillo
ás diferentes linguaxes que interveñen na creación de literatura
para nenos, ou sexa ilustración, narración, tradución e mesmo
crítica. A idea é que a revista dixital sexa tamén unha fonte
informativa sobre novidades editoriais, ao tempo que se visualizan as
achegas dos nosos artistas. O eixe central da publicación en liña
será a literatura galega, pero tamén se dará acollida a outras
culturas, linguas ou xeitos de entender o relato en calquera das súas
manifestacións.
No que se refire a
Culturgal, lembrar que se celebra do venres 5 ao domingo 7 de
decembro e que a edición deste ano inclúe novidades importantes
como a incorporación dun espazo dedicado á gastronomía e o
establecemento dunha entrada de pago para o público xeral. Haberá,
a maiores, presentacións literarias, musicais, teatrais e mesmo
espectáculos de cociña en directo. E amosarase en detalle o que
poden facer as redes e os seus sistemas pola nosa cultura en xeral.
De feito, a convocatoria 2014 do Culturgal será unha convocatoria
moi centrada no crowdfounding, que, como saberemos, é unha
técnica cada vez máis espallada, con fondas raizames nas redes,
dirixida a favorecer o achado de mecenas en liña, pequenos
investidores e produtores, para todo tipo de proxectos culturais que
doutro xeito ficarían para sempre no limbo da idea (e non da
plasmación nunha realidade). Neste senso, a directiva do Culturgal,
cuxa presidencia ocupa desde principios de ano o presidente da
Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, avanzou a pasada
primavera que na edición de 2013 xa entraron con forza estas liñas
de traballo no ámbito cultural (crowdfounding,
cooperativismo e emprendemento na contorna rural), e todo indica a
que centrarán boa parte das actividades da entrega que comeza este
venres.
Volvendo ás accións
previstas para os vindeiros días, dicir que están programadas máis
de 150 ligadas aos máis diversos eidos da nosa creatividade:
dende literatura a música, pasando por artes escénicas, cinema,
artes plásticas, gastronomía e, por suposto, novas tecnoloxías da
información. Segundo nos contaron os días pasados os organizadores,
darase cabida ao meirande número de representantes da nosa cultura,
ao tempo que se tentará cubrir o horizonte máis amplo posible en
materia de público: “Dende os picariños en cueiros (que teñen a
nova sección Espazo Bebés ao seu dispor, ata os
profesionais e programadores, terán a oportunidade de coñecer as
novidades máis recentes que presentan os 70 expositores”.
Tecnolóxica e dixitalmente falando, o programa semella
completiño, alén da devandita posta en longo de Criaturas.
Por unha banda, presentaranse as webseries Poetarras, Clases do
social, Dalle Jas!, De volta ao rural, Fame e Interfecto,
acompañadas de coloquios cos seus actores e directores. Pola outra,
daranse a coñecer iniciativas galegas de gran interese como a
revista dixital O Botafumeiro, ou a publicación en liña
Magazine, da xornalista Montse Dopico. Falarase de técnicas
de financiamento a través das redes (crowdfunding) da man
de Pablo Nimo e David Santomil, e afondarase, por boca dos seus
responsables directos, nas vantaxes e funcionalidades de
CreaAppcuentos, unha aplicación galega para dispositivos con Android
e iOS que nos permite a creación de contos ou historias dun xeito
sinxelo.
