A saga galega de Dragal converterase en videoxogo, cómic e filme da man de Ficción Producións

xoves, 21 de marzo do 2013 Redacción

Manuel Bragado (Xerais), Julio Casal (Ficcion) e Elena Gallego Abad

Na nosa terra temos a nosa particular J.K. Rowling (creadora de Harry Potter), falamos de Elena Gallego Abad, autora de Dragal I: A herdanza do dragón -Premio Frei Martín Sarmiento 2012- e de dúas entregas máis desta serie, Dragal II: A metamorfose do dragón, e o terceiro libro, Dragal III: A fraternidade do dragón. Perante o triunfo que supuxo a saga Dragal, Ficción Producións decidiu facerse cos dereitos dos libros (lanzados por Xerais) e ten previsto introducir a novela no mundo crossmedia. A idea consistiría nunha adaptación ao cinema da triloxía, no desenvolvemento de videoxogos para varias plataformas, cómics e a creación dunha comunidade de seareiros a través das redes sociais, a Fraternidade do Dragón. Na presentación de onte marcáronse as primeiras datas para a publicación das novelas gráficas de Dragal, que estarán nas librarías antes da fin de 2013.
O equipo de Ficción está a traballar mediante bosquexos baseados nos escenarios descritos na triloxía, modelados 3D, a adaptación do texto para o guión dos filmes e outros materiais que arestora se están a desenvolver. Deste xeito, Dragal únese a outros proxectos con vocación internacional da produtora galega, como o proxecto transmedia Tutu e a longametraxe Schimbare, que serán presentados os vindeiros días en varios festivais audiovisuais na Arxentina e Alemaña.
Pola súa banda Elena Gallego deu xa o primeiro paso para exportar as novelas fóra das fronteiras da nosa comunidade coa súa tradución ao castelán.
Engadir a xeito de curiosidade que a presentación oficial de Dragal acontecía onte, 20 de marzo, coincidindo a mantenta co equinoccio de primavera, intre de grande importancia dentro da saga tanto na ficción coma na realidade. Pois ese mesmo día, pero hai catro anos, era inscrito no rexistro da propiedade intelectual o primeiro libro de Dragal... E as coincidencias non rematan aí, pois tamén Ficción botaba a andar como empresa un 20 de marzo, pero de hai 10 anos.

PUBLICIDADE