Adiantamos algúns dos modelos 3D da exposición #Galicia100

mércores, 4 de maio do 2016 Marcus Fernández

O vindeiro día 10 o Consello da Cultura Galega, en colaboración con Afundación e Abanca, vai inaugurar a mostra Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura, coa que constrúen un relato histórico do país a través da selección e da relación dun cento de pezas procedentes de institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior.
A mostra non se limitará a ter presenza nunha exposición tradicional, senón que tamén contará cunha publicación en papel, aplicación para dispositivos móbiles e unha páxina web que aposta polo uso de aspectos interactivos na dixitalización do patrimonio da que podemos presentar un adianto: os modelos tridimensionais dun par de pezas desta colección.

Avance da mostra: o anel e báculo do bispo Gonzalo

O chamado tesouro de san Gonzalo componse dun anel e un báculo que se supoñen noutrora pertencentes ao bispo mindoniense Gonzalo Fróilaz. O anel é a peza máis destacada, de ouro, cun cuarzo translúcido suxeito por catro cabeciñas de paxaro moi ben traballadas. O máis destacable del é a inscrición que leva: «NOLO ESSE DATUS NEQUE VENUM DATUS», que adoita traducirse por «Non quero ser doado nin vendido». Pola súa banda, o báculo é de pequeno tamaño —uns dez centímetros—, de bronce cicelado que, en palabras de R. Yzquierdo, «se decora con triángulos alternados e dourados que dan orixe no centro a unha especie de rombos; nos seus extremos unhas molduras dan paso ao bastón e á voluta»; esta ten forma de animal, de serpente, e remata nunha cabeza que leva unha bóla na súa boca. Anel e báculo son símbolos clásicos do bispo, dos cales o primeiro representa o seu matrimonio tanto con Deus como coa súa dio- cese e o segundo a súa calidade de pastor dos homes e mulleres polos que coida e vela, o seu pobo diocesano.

<iframe width="640" height="480" src="https://sketchfab.com/models/5a55a3cf7b724b1da883ec5836316ecd/embed" frameborder="0" allowfullscreen mozallowfullscreen="true" webkitallowfullscreen="true" onmousewheel=""></iframe>

Anel do Bispo Gonzalo de Mondoñedo #galicia100 by Consello da Cultura Galega on Sketchfab

Os obxectos foron atopados en 1648 no sarcófago de pedra situado na nave sur da igrexa de San Martiño de Mondoñedo (Foz) e retirados de alí en 1914. O dito sepulcro foi secularmente atribuído ao santo bispo don Gonzalo, identificado polo habitual con don Gonzalo Fróilaz, bispo de Mondoñedo entre 1070 e 1108, sen ser esta data completamente segura. Por elo, as pezas adoitan datarse no século XII, se ben hai quen establece unha datación altomedieval para o anel. Don Gonzalo formaba parte da familia máis poderosa da Galicia dos séculos XI e XII, ao ser irmán do conde don Pedro Fróilaz, aio de Afonso VII. Familia habitualmente coñecida como «de Traba», os seus bens patrimoniais centrábanse na terra de Trastámara, entre o río Tambre e o cabo Ortegal, con especial presenza na parte occidental do bispado de Mondoñedo, nas terras hoxe pertencentes á provincia da Coruña.
Os Traba posuíron ou fundaron, entre outros, os mosteiros de Xuvia, Pedroso e Nemeño e, máis ao sur, o Sobrado cisterciense. Don Gonzalo pode considerarse como exemplo de bispo altomedieval galego, ao estilo de san Rosendo, o seu antecesor na sé de Mondoñedo, ao pertencer á máis alta aristocracia do reino, intimamente relacionado coa monarquía. Así o demostra, por exemplo, a súa asistencia ao Concilio de Husillos (1088), auspiciado polo rei Afonso VI, con quen probablemente compartiría a idea de impor a reforma gregoriana nos seus reinos. As ideas renovadoras de don Gonzalo comprobaríanse coa reconstrución que o bispo fixo da súa catedral, San Martiño de Mondoñedo, comezada a principios do seu episcopado. O novo estilo que adopta o bispo na catedral contrastaría coas pezas do seu tesouro, pertencentes á tradición anterior, na que don Gonzalo debeu de se formar.

<iframe width="640" height="480" src="https://sketchfab.com/models/4c9c206b6a6e438fb9cefd40e29042f4/embed" frameborder="0" allowfullscreen mozallowfullscreen="true" webkitallowfullscreen="true" onmousewheel=""></iframe>

Báculo do Bispo Gonzalo de Mondoñedo #galicia100 by Consello da Cultura Galega on Sketchfab

Deste xeito, o anel e báculo de Gonzalo Fróilaz serven como símbolo do pasado da Igrexa galega, de tradición visigótica, fronte á novidade románica, aínda arcaica, de San Martiño, co cal fan do bispo un bo expoñente da alta aristocracia que acepta as novidades desexadas pola monarquía.
Hai, así mesmo, que facer referencia á lenda que atribúe a don Gonzalo vencer milagrosamente un ataque viquingo ás costas da súa diocese. Historicamente a lenda non se sostén, pois a finais do século XI, cando vive o bispo, os normandos cesaran as súas incursións. Protagonista máis apropiado sería Sisnando II, bispo de Iria-Compostela, que levantou as Torres de Oeste e que morreu nunha batalla contra os normandos no 968. De todos os xeitos, cabe destacar que a lembranza das incursións viquingas do século X conflúe coa memoria dun bispo santo, recordando o papel dos prelados na defensa das costas galegas fronte aos invasores que viñan polo mar, viquingos ou musulmáns. A identificación dun bispo milagreiro, que salva as xentes sen armas, só coa axuda divina, con don Gonzalo deuse talvez grazas ao seu destacado sepulcro na catedral por el reconstruída, San Martiño de Mondoñedo, o cal puido levar así á canonización popular do prelado. Deste xeito don Gonzalo Fróilaz convértese, en época indeterminada, en santo defensor do seu rabaño cristián fronte aos piratas pagáns que veñen saquealos e escravizalos violentamente, de maneira que pode erixirse como exemplo dos prelados aristocráticos que, en realidade, desempeñaron este papel pero na Galicia dunhas cantas décadas antes.

A mostra

A exposición Galicia 100 está comisariada por Manuel Gago e contou cun Consello asesor de destacados especialistas encabezado por Ramón Villares e que contou coa participación de Carlota Álvarez Basso, José Miguel Andrade Cernadas, Fernando Bouza, Felipe Criado Boado, Guillermo Escrigas, Lourenzo Fernández Prieto, Pegerto Saavedra e Dolores Vilavedra. Máis de sesenta institucións, empresas e coleccionistas de Galicia e do exterior participaron no proxecto do Consello da Cultura Galega facilitando o acceso aos obxectos.
Construír exposicións de carácter histórico a través de obxectos é unha fórmula xa explorada. En 2010, o Museo Británico iniciou coa BBC Radio 4 un proxecto que deu lugar ao coñecido A History of the world in 100 objects, que foi adaptado e seguido noutros contextos como Irlanda. Agora, seguindo os principios desta proposta, o Consello da Cultura Galega ofrece unha lectura en clave transversal e histórica, que abrirá as portas ao público o vindeiro día 10 de maio en Santiago.
Como avance, da partires do vindeiro luns o programa Zigzag Diario da Televisión de Galicia ofrecerá diariamente unha escolma das pezas seleccionadas.

PUBLICIDADE