Ágora-Tecnoloxía leva as TIC aos nosos maiores a través de obradoiros nas principais cidades

mércores, 24 de febreiro do 2016 Redacción

A Universidade de Vigo está a achegar máis información sobre o proxecto Ágora-Tecnoloxía, un programa formativo para persoas maiores que avanzamos hoxe en Código Cero con motivo do desenvolvemento en Ferrol dun obradoiro sobre como facer pagos a través das novas canles dixitais. Segundo sinala a dita institución académica, en Ágora-Tecnoloxía participan os sete campus galegos (incluído o Programa de Maiores da Universidade de Vigo). Trátase dunha plataforma en liña de difusión e formación na que se combinan modalidades tradicionais presenciais con modalidades dixitais. O obxectivo: crear un novo modelo de acceso ao coñecemento baseado na innovación e a aplicación das TIC. A idea é habilitar unha porta de acceso a un mundo de coñecementos para proveito dos estudantes dos programas de maiores das universidades galegas e, tamén, de calquera cidadán.
A estrea do programa foi este martes, co arranque do primeiro curso en liña organizado pola Asociación de Alumnos Universitarios Séniors de Vigo, Aulas de Formación Aberta, en colaboración con FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors) que se centrou en dúas aplicacións de uso moi habitual, o WhatsApp e o Skype. O obradoiro, que se desenvolveu ao longo da mañá na Escola Universitaria de Estudos Empresariais, tamén se puido seguir a través de internet, como fixeron os estudantes sénior dos sete campus galegos. Ademais a actividade contou coa conexión de persoas interesadas dende aulas CeMIT, sedes de AFundación e centros de asociacións veciñais de Galicia, así como particulares dende lugares como Valladolid ou Palencia. No acto de apertura participaron Patricio Sánchez, director da EU de Estudos Empresariais onde ten a sede o Programa para Maiores, e Fernando Devesa, presidente asociación de Aulas de Formación Aberta.
No obradoiro abordáronse os aspectos prácticos e técnicos destas ferramentas, e fíxose “especial fincapé” no uso responsábel e eficiente destas tecnoloxías entre os maiores das universidades galegas. Durante esta semana desenvolveranse outros dous seminarios, un (hoxe) sobre trámites en liña e compras por internet e outro sobre redes sociais, o primeiro retransmitido dende a sede de AFundación en Ferrol e o segundo dende a da Coruña. A vindeira semana celébranse outros catro cursos presenciais en Ourense, Lugo, Pontevedra e Santiago de Compostela, pero que se poderán seguir por internet. Nestes casos, o alumnado dos programas séniors terá a ocasión de achegarse á fotografía e vídeo dixital, a seguridade en Internet, o uso dos teléfonos intelixentes como guía para viaxes e actividades culturais e a Administración Electrónica para citas médicas ou outro tipo de solicitudes.