Alfonso Gutiérrez será o convidado da vindeira edición de Iniciador Galicia

xoves, 18 de marzo do 2010 Marcus Fernández

O vindeiro 25 de marzo ás 19:00 horas terá lugar na Fundación Caixa Galicia sita na rúa Policarpo Sanz, 21 de Vigo a vindeira edición de Iniciador Galicia, encontro de emprendedores de base tecnolóxica que principiará cun relatorio de Alfonso Gutiérrez baixo o título de Ideas, Fracasos e Liderazgo, no que fará un repaso pola súa traxectoria emprendedora.
Gutiérrez é o máximo responsable do grupo Visual MS, nomeada o ano pasado como unha das mellores empresas para traballar en España. Tamén recibiu en 2005 o premio á Mellor Xestión Empresarial da AJEP e o Premio Emprendedores 2001 da Fundación Empresa Universidad Gallega.
Tras o relatorio de Alfonso Gutiérrez, os asistentes ao evento poderán conversar co convidado para compartir experiencias e coñecemento, no que é o elemento chave deste tipo de encontros que contan co apoio de Caixa Galicia e o patrocinio da luguesa BidoBido e da Escola de Enxeñaría Informática de Ourense. Os interesados en acudir deberán indicalo por correo electrónico ou a través de Facebook.

PUBLICIDADE