Amosan na Coruña o novo sistema de control de movemento para Xbox 360: Kinect

martes, 26 de outubro do 2010 Marcus Fernández

Durante a xornada de hoxe, Microsoft presentou no Hotel Hesperia Finisterre para a prensa e os comerciais locais o novo accesorio chamado a revolucionar a consola doméstica Xbox 360 ao engadirlle un sistema de control de movemento que non precisa mando, Kinect, froito do moi comentado proxecto Natal, e que está composto por unha cámara que detecta os movementos do xogador, pode orientarse de xeito automático e integra micrófono para recoñecer ordes orais (característica que non estará dispoñible ata primavera).
Tecnoloxicamente estamos ante un concepto sinxelo de entender, pois podemos entender que estamos ante unha solución coma o Eye Toy para as consolas de Sony, pero cunha diferenza substancial: Kinect non recoñece siluetas, senón o corpo enteiro. Temos así unha solución que converte o corpo do usuario no mando, e que detecta a profundidade, o que permite que xogos coma os que podiamos ver ata o momento na Wii de Nintendo (ou nunha PS3 equipada con PlayStation Move), agora poden gozarse na Xbox 360 cuns gráficos de alta definición e unha precisión inédita para un sistema sen controis físicos, detalle que dá moita liberdade aos xogadores, que ven a experiencia fronte a consola como unha festa.
Kinect vai máis aló dos videoxogos, e o sistema de detección de movementos co que conta serve para manexar os propios menús da consola de Microsoft, mentres que a súa cámara tamén pode aproveitarse para o establecemento de videoconferencias con usuarios do MSN Messenger (cos que tamén poden compartirse, por exemplo, galerías fotográficas). A reprodución multimedia tamén xogará un papel importante en Kinect, de xeito que podemos aproveitar toda esta tecnoloxía para manexar os nosos vídeos con xestos ou con ordes orais, tecnoloxía que no futuro podería integrarse en sistemas de cine en casa.
Pero saber o que é Kinect e probalo son cousas moi diferentes, de aí que Microsoft teña que esforzarse en dar a coñecer este dispositivo que porán á venda o vindeiro 10 de novembro por preto de 150 euros (estando tamén dispoñible un paquete cunha Xbox 360 con Kinect por uns 300 euros, facilitando a súa estrea nos fogares na campaña de Nadal, pois moitos entenderán Kinect como toda unha consola nova).

Os usuarios que non conten con azafatas que os asistan nas súas partidas poderán atender aos múltiples asistentes que teñen os xogos de Kinect

No evento coruñés puidemos ver algúns dos máis de 15 xogos iniciais que conformarán o catálogo de Kinect, e que nun principio terán un prezo reducido (uns 50 euros) e a súa caixa será de cor púrpura en vez do clásico verde da Xbox 360, para facilitar a identificación dos xogos exclusivos para Kinect. Concretamente estaban dispoñibles para a súa cata versións de demostración de Kinect Adventures (divertido xogo que virá de balde con Kinect), Kinectimals (título infantil que presenta mascotas virtuais en pantalla para entreter aos máis cativos), Kinect Sports (a opción máis previsible para este tipo de tecnoloxía, que conseguiu un acabado bastante convincente), Kinect Joy Ride (xogo de coches que podería compararse con Mario Kart, pero que destaca por xogarse con todo o corpo, o que pode non agradar a todos os xogadores, aínda que para competir con amigos que non queiran complicarse a vida aprendendo mecánicas de xogo avanzadas resulta ideal), Your Shape: Fitness Evolved (un grande xogo de exercicios que combina xogos cun adestrador persoal) e, nunha posición moi especial, Dance Central, o que a meirande parte da crítica considera que vai ser o vende Kinects, ao levar os xogos de baile un paso adiante, de xeito que en vez de limitarse a controlar os pés do usuario, leva conta dos movementos de todo o seu corpo, o que tradúcese nunha experiencia tan completa como divertida, que conta cun catálogo de 32 cancións elixidas polas súas posibilidades bailables (sendo a meirande parte dos temas da última década).
Os que non queiran agardar ao lanzamento oficial de Kinect, poderán achegarse os vindeiros días 5 e 6 de novembro ao centro comercial Dolce Vita de A Coruña para probar en vivo esta revolución que pode converterse nun dos grandes éxitos do Nadal.


Momentos da presentación de Kinect en A Coruña

Lidia Pitzalis, a responsable de prensa de Retail e Consumo de Microsoft atendeu ás dúbidas dos xornalistas durante toda a xornada
O Kinect é doado de instalar, pois non ten máis misterio que conectar a webcam á Xbox 360 por USB
Os xogos de Kinect terá caixas de cor púrpura, deixando de lado o clásico verde dos xogos de Xbox 360
Os usuarios que non conten con azafatas que os asistan nas súas partidas poderán atender aos múltiples asistentes que teñen os xogos de Kinect
Sorprende que o calibrado de Kinect sexa tan sinxelo como erguer a man fronte a cámara
Kinect Adventures permite cooperar ou competir con amigos a base de movementos laterais e saltos
Joy Ride é o máis parecido que podemos atopar a un Mario Kart sen mando

PUBLICIDADE