O Senado francés aprobou por 189 votos a favor e 14 en contra a polémica lei HADOPI, tamén coñecida como a dos tres avisos, que onte fora ratificada pola Asemblea Nacional, de xeito que remata unha longa traxectoria dun texto que permitiría o corte do acceso á Internet aos usuarios que compartan contidos protexidos por dereitos de autor.
Esta lei podería ser incompatible coa lexislación europea, e tamén podería atopar problemas polo recurso de inconstitucionalidade promovido polo partido da oposición. Resulta sumamente rechamante que se produza esta aprobación xusto unha semana despois de que o Parlamento Europeo determinase que só un xuíz poida cortar o acceso á Internet dun usuario, por considerar que a Rede supón un dereito fundamental, polo que un interese comercial non debería ter máis importancia para os lexisladores.
A aprobación da lei HADOPI suporía a creación dun sistema que ao detectar que un usuario descarga contidos protexidos da Rede remitiríalle unha primeira advertencia por correo electrónico advertíndoo da súa falta; de reincidir recibiría unha segunda mensaxe acompañada por unha carta certificada e, finalmente, ao continuar coas infraccións, unha comisión integrada por 3 xuíces podería ordenar o corte do seu acceso á Internet durante un período de entre 1 e 3 meses nos que deberá continuar a pagar a súa conexión (e non poderá esquivar a medida cambiando de provedor, pois os infractores da nova lei entrarán nunha listaxe negra).

A ministra de Cultura francesa, Christine Albanel, sostén que nos países onde puxeron en marcha mecanismos de advertencia a piratería reduciuse ata un 65-70%, pero cómpre lembrar que nos EE.UU., onde emprenderon accións legais contra 36.000 usuarios, non se reduciron as descargas. Son así moitas as incógnitas deste modelo que pode dar lugar a múltiples conflitos (falsos positivos, responsabilidades compartidas, presunción de culpabilidade…).
Aproban en Francia a lei permite cortar o acceso á Rede aos usuarios que descarguen contidos protexidos
Compartir Este Artigo

