Avanzan o que será o encontro profesional B-web

martes, 29 de marzo do 2011 Marcus Fernández

Esta mañá EXPOCoruña acolleu a presentación da segunda edición do encontro profesional B-web, que busca repetir o éxito acadado na súa primeira edición, á que acudiron máis de 100 persoas procedentes do sector das novas tecnoloxías, dos negocios on-line, do marketing, das estratexias en liña e da innovación TIC, entre outras disciplinas.
No acto participaron María Encinar (Iniciador Galicia), Rubén Bastón (Elogia), Ana Montes (directora xerente de EXPOCoruña), Víctor Salgado (Pintos & Salgado Abogados) e Ana Gallego (arquitecta), para facer un adianto do evento que busca converterse no referente galego na comunicación e o marketing empresarial no contorno 2.0, que desta volta medra en obxectivos ao repartir a súa actividade en 2 días (o 2 e o 3 de xuño) nos que terán lugar relatorios, obradoiros e case studies, completados por un salón profesional e as correspondentes actividades para facer networking.

Ana Montes destacou que B-web está destinado a un público profesional

Ana Montes quixo subliñar que B-web é un encontro destinado a profesionais, que deberán pagar por asistir aos distintos relatorios, aínda que o público xeral tamén poderá acceder de balde á área expositiva, que destaca pola innovación presente nos seus stands, grazas a un deseño da arquitecta Ana Gallego, consistente nuns bloques de cartón que permiten dotar aos distintos espazos dunha aparencia tan orixinal coma sustentable. Como exemplo deste concepto de deseño, o local elixido para a presentación contaba cunha estrutura construída mediante esta técnica, o que facilitaba facerse unha idea do que poderase ver en EXPOCoruña a primeiros de xuño.

María Encinar e Rubén Bastón explicaron as súas achegas ao encontro que terá lugar en EXPOCoruña a primeiros de xuño

Entre os asistentes destacaban Rubén Bastón (o único relator que repetirá presenza en B-web, e que este ano tamén impartirá unha clase mestra sobre o Social Media) e Víctor Salgado (avogado experto en TIC que ilustrará sobre a problemática legal que xurde das plataformas sociais e os servizos de Internet), que compartirán os seus coñecementos cos asistentes a B-web; mentres que María Encinar, aproveitou a ocasión para anuncia que estaban a xurdir sinerxías entre Iniciador Galicia e a organización do encontro de carácter tecnolóxico, o que enriquecerá o evento na súa proposta evolutiva.
B-web quere achegar as novas tendencias e tecnoloxías na web, para que os seus asistentes poidan formarse sobre as últimas e futuras innovacións no sector, estando orientado o evento a axencias de comunicación, empresas TIC, creativos, medios de comunicación, emprendedores, cazadores de tendencias, responsables de contido na Internet, directores xerais, xerentes de novos medios, responsables de campañas e todo aquel que desexe profundizar nos últimos cambios no contorno dixital e nos negocios en liña.

Os expositores no Salón Profesional de B-web contarán cunhas estruturas efémeras creadas a partir de cartón, cun deseño de Ana Gallego

Salón profesional
Máis do 90% das empresas aproveitan a súa participación feiral para a captación de clientes, de aí que en B-web decidisen estrear b-linked, unha zona de feira na que poderán colocarse expositores para que as empresas do sector poidan dar a coñecer os seus produtos e servizos a clientes potenciais.
Os expositores terán a oportunidade de falar durante 20 minutos sobre a súa proposta en b-demo, zona na que contarán con pantallas e megafonía para facilitar a difusión dos seus proxectos.
Relatorios
En b-updated diferentes instrutores de recoñecido prestixio na web social acudirán a B-web 2011 para formar e informar aos asistentes sobre os cambios que están a ter lugar no contorno web, á vez que empresas de diferentes sectores exporán os seus casos reais de aproveitamento da Internet como chave do seu éxito.

Víctor Salgado contribuirá ao evento ilustrando sobre a problemática legal que xurde do sector TIC

Obradoiros
Desenvolver un Social Media Plan adaptado ás novas tendencias é todo un reto que vai abordarse en b-social, un obradoiro onde expertos na materia impartirán as nocións necesarias para deseñar, construír e xestionar unha marca ou produto nas redes sociais.
Networking
Nos encontros tecnolóxicos ten moita importancia a interacción entre os asistentes, que poderán relacionarse directamente, aínda que tamén se facilitará unha zona de descanso chamada b-twitt, na que poderá conectarse ordenadores para acceder á Rede e onde haberá pantallas que amosarán o timeline de EXPOCoruña en Twitter e o hashtag do evento.
Ao remate da xornada servirase un cóctel para facilitar a desvirtualización entre os asistentes ás conferencias, o intercambio de inquedanzas e o establecemento de relacións profesionais.
Boa parte do programa pechado
Na páxina web do evento xa adiantan boa parte do seu programa, no que figuran os obradoiros que impartirán o venres 3 de xuño Rubén Bastón (Elogia) e Javier Pedreira (Microsiervos), así como moitos dos relatorios que terán lugar durante os 2 días que dura o encontro, entre os que podemos destacar unha introdución ao estado actual do Social Media por Carlos Blanco, unha aproximación á xestión da reputación en liña por parte de Víctor Puig (Overalia) ou a análise dos novos modelos publicitarios por parte de Carlos Bravo (Coguan); mentrs que entre os case studies que poderán coñecerse en detalle durante B-web figuran unha chea de proxectos galegos coma Bluguía, ContoPlanet, Cabozo, Toupa.net, Rede Libros e Compostweets, que serven de broche de ouro para este evento.

Rubén Bastón, Ana Montes, María Encinar e Víctor Salgado adiantaron múltiples detalles da vindeira edición de B-web
Ana Gallego é a deseñadora dos expositores efémeros que instalaranse en EXPOCoruña durante a celebración de B-web

PUBLICIDADE