Avanzan os hábitos de lectura en formato dixital a nivel galego e estatal

martes, 29 de setembro do 2015 Redacción

O Ministerio de Cultura vén de dar a coñecer datos relevantes sobre hábitos de cultura, datos dos que se poden extraer unhas cantas claves sobre como se están a afianzar as novas tecnoloxías (a bo ritmo) nas nosas rutinas de lectura ou de achegarnos á música e ás artes. Estes datos son un axeitado complemento ao informe achegado recentemente polo Consello da Cultura Galega, no que se fai saber que en 2014 publicáronse 1.763 libros na nosa lingua e que un de cada catro foi lanzado en formato dixital (o 26,37%, ou sexa, 465 lanzamentos dun total de 1.763).
Volvendo á investigación recente do Ministerio, a Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais en España 2014-2015, sinálase que a taxa de poboación española que le botando man de recursos dixitais triplicou en 2014 á observada en 2011, até acadar un 17,7% na actualidade, fronte ao 6,5% da edición da enquisa anterior. Con todo, o soporte tradicional en papel segue sendo o favorito, cunha taxa de lectores anuais do 59%, mentres que o 5,7% manifesta ler libros directamente de Internet.
Segundo se engade, os resultados recompilados indican “unha forte implantación no uso das novas tecnoloxías como instrumento de difusión da cultura”. A xeito de exemplo, sinálase que entre as persoas que adoitan escoitar música, o 30,3% escóitana no seu móbil (fronte ao 9,8% en 2011), o 29,4% no computador ou en equipos conectados a el (un 22,8% catro anos atrás) e o 22,7% escóitana directamente de Internet.
Asemade, indícase, as redes afianzáronse como un instrumento máis para realizar visitas virtuais a museos, cifrándose no 6,7% dos consultados. Por outra banda, un 5,3% viron no último ano algún espectáculo de artes escénicas a través de Internet. Sobre concertos, un 10,1% da poboación veos a través da Rede. Tamén subiu a cifra de persoas que merca entradas a través de Internet. No teatro e a ópera, a adquisición de entradas por este vieiro foi a opción de compra elixida polo 35,9%, o 33,4% e o 31,8%, respectivamente, dos que adquiriron unha entrada, fronte ás taxas do 23,3%, 24,5% e 23,8% acadadas na edición da enquisa anterior. Por primeira vez mediuse a compra de entradas por Internet no caso do circo, situándose nun 19,3%.

PUBLICIDADE