Batman: Arkham Origins estrea trailer

luns, 20 de maio do 2013 Marcus Fernández

Para promocionar o xogo Batman: Arkham Origins temos finalmente o seu primeiro trailer oficial, no que pode verse unha secuencia cinemática na que o Cruzado da Capa loita man a man contra Deathstroke, mentres que o perigoso Deadshot tenos no punto de mira, respondendo ambos inimigos ás ordes de Black Mask, quen puxo prezo á cabeza do heroe de Gotham. O vídeo axuda a introducirnos a un xogo que chegará ás tendas o 25 de outubro, pero sen chegar a amosar realmente o que corresponde a partes interactivas do mesmo, polo que haberá que agardar a vindeiros vídeos para facernos unha mellor idea do que será a precuela de Batman: Arkham Asylum, situando a acción nos primeiros tempos de Batman como vixilante enmascarado.
Aínda que este novo xogo estea a ser desenvolvido por novos estudios da Warner en Montreal, vai retomar o traballo de Rocksteady Studios, polo que case todas as mecánicas de xogo conservaranse. Tamén está confirmado que os usuarios que merquen o xogo de xeito anticipado poderán acceder a un contido descargable que permitirá tomar o rol de Deathstroke no modo desafío deste título (tratamento semellante ao que tiveron outros personaxes do universo de Batman como Nightwing en Batman: Arkham City) en vez de tratarse de misións completas (como acontecía con Catwoman).


Trailer oficial de Batman: Arkham Origins

O xogo manterá o recoñecido sistema de combate da súa franquía
Moitos dos vellos inimigos de Batman farán a súa aparición en Batman: Arkham Origins, aínda que cun papel menos relevantes que no resto de xogos da saga
O DLC de Deathstroke desvelouse xunto coa carátula do xogo

PUBLICIDADE