Burgos aposta polo Wi-Fi público e sostible
venres 3 de xullo do 2009, por | |
| Compartir |
O Concello de Burgos vén de mover ficha a prol da Internet pública como alternativa aos espazos e situacións onde non hai privada. E faino a través de infraestrutura Wi-Fi para escenarios concretos: os emprazamentos de uso público para o lecer e o esparcemento. A iniciativa, de nome WiFi Bur, está a contar en materia tecnolóxica coa empresa Gowex e o seu desenvolvemento WILOC, plataforma de publicidade e contidos xeolocalizados que permite a posta en marcha “dunha rede municipal sostible e rendible no tempo”, segundo informa a compañía.
Por certo que no emprego desta tecnoloxía en concreto, WiFi Bur é a primeira que lle tira partido no eido público-local, ficando a disposición dos veciños da cidade nas tres piscinas municipais, na biblioteca Gonzalo de Berceo, no centro cultural do Barrio de Cortes e no Teatro Municipal. A previsión é a de ampliar a infraestrutura con cobertura total para despois do verán. Na imaxe, Juan Catalán (GOWEX), cos concelleiros burgaleses Eduardo Villanueva e Bienvenido Nieto.
Máis polo miúdo, WILOC (Wi-Fi Location) ten o obxectivo de xerar ingresos publicitarios a través dunha infraestrutura das devanditas características e facela viable economicamente. A plataforma, sinala Gowex, está deseñada como un modelo de negocio e unha vantaxe competitiva “na explotación dunha rede municipal Wi-Fi, porque, alén de permitir a sostebilidade, actúa acorde coa regulación do sector das telecomunicacións”.
Polo que respecta ás outras dúas características fundamentais que pon en xogo, xeolocalización e contextualización, sinalar que o que se pretende con isto é informar de xeito automático dos servizos e contidos (incluída publicidade) dispoñibles na zona de conexión do usuario, xa que o punto de conexión está localizado e personalizado. En palabras de Gowex, grazas a isto benefícianse os anunciantes (xa que fan medrar a súa presenza a través de campañas de promoción), os promotores e os concellos (rendibilizan os puntos de acceso grazas aos ingresos da publicidade en liña) e os usuarios, que reciben información máis á súa medida e servizos máis completos.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68














