Campaña na Rede para que Bing corrixa as deturpacións dos nosos topónimos
venres, 30 de decembro do 2011

- O servizo de mapas deturpa topónimos como os de Ferrol e A Coruña
A historia da toponimia deturpada na Rede
semella unha enleada sen remate. Non deixa de ser rechamante que se sigan a dar
casos desta índole no eido dixital, e en plataformas do máis moderno e
innovador, o que nos fai pensar en que de nada serve estar na vangarda da
industria web se logo, para ir confecionando as nosas cousiñas e produtos,
botamos man de información máis que caducada, moi posiblemente mapas militares
feitos nos tempos en que se recibía unha malleira por dicir Pontenova en
troques de Puentenueva. O sistema de
mapas de Bing, con toda a súa parafernalia,
naceu en parte morto. É dicir: ofrecendo información máis que desactualizada,
neste caso a toponimia pre-constitucional nos nosos mapas. Así o vén de
denunciar novamente a
CiberIrmandade.
Para solucionalo, proponlle á comunidade
internauta galega facer fronte común arredor dunha causa específica: pedirlles
aos de Microsoft, responsables de Bing, que deixen de botar man de cousas que
nada teñen que ver nin coa legalidade establecida nin coas normas mínimas de respecto
cara aos seus usuarios galegos. A cousa aínda vai a peor, nos recorda a
CiberIrmandade, se temos en conta que hai moita xente que consulta estes mapas
e que alimentan servizos paralelos como Facebook, onde, de rebote, tamén hai
toponimia deturpada a esgalla. “Motivos
todos estes dabondo para esixírmoslles entre todas/os que adopten a toponimia
correcta tal e como a teñen implementada noutros sistemas semellantes”, sinala
a asociación galega. Para participarmos na campaña non hai máis que cortar o
texto que se ofrece na
nova da CiberIrmandade e introducilo logo no formulario para incidencias do servizo.
