Comeza o exame exhaustivo das candidaturas recibidas nos Premios INNOVA-G
mércores, 17 de outubro do 2012
Os Premios
INNOVA-G, terceira edición, xa pecharon o prazo para a achega de
propostas, máis
polo miúdo o pasado 15 de outubro. Dous
días antes, xa se recibiran arredor de medio cento de candidaturas.
A día de hoxe, o xurado do certame está a pasar polo exame
exhaustivo de cada unha das achegas presentadas, sendo unha tarefa, a
de este ano, “especialmente complexa”,
como sinala a asociación organizadora destes galardóns, AGESTIC,
tanto pola cantidade das propostas como pola súa
gran calidade e capacidade innovadora. As propostas recibidas
repártense nas seguintes categorías: Mellor start-up galega, Mellor
emprendedor/a galego/a TIC, Mellor desenvolvemento 2.0, Mellor
aplicación para dispositivos móbiles e Mellor deseño web.
Os
premios, como dixemos, están promovidos pola Asociación Galega de
Empresa TIC, AGESTIC, e contan co apoio da Xunta (AMTEGA), a Escola
Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo e máis
o Grupo FEMXA. O seu obxectivo común é recoñecer o valor das
empresas de tecnoloxías, Internet ou contido dixitais máis
innovadores da nosa terra.
Os
premios concederanse o 26 de outubro, venres, ás 12.30 horas no
Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), en Santiago de
Compostela.
Os
galardóns, que non teñen dotación económica e que son outorgados
polas entidades promotoras, queren converterse nun pulo para aos seus
participantes, “tal e como se vén confirmando nas edicións
anteriores, con proxectos e aplicacións xa coñecidas por todas e
todos, como Menus.es, Pézcalo, Meubook, Toupa.net, Binaurality,
Orama ou Webphone”, lembran
fontes de AGESTIC.
Estas
son as categorías que se establecen:
Mellor
start-up galega:
empresa constituída a partir do 1 de xaneiro de 2010, altamente
tecnolóxica e innovadora. Valorarase o grao de novidade do
produto/servizo tecnolóxico, de Internet ou contidos dixitais
desenvolvido ou prestado, o seu crecemento exponencial, a visión
global, as posibilidades de expansión internacional, o ambiente de
traballo, igualdade de xénero, promoción da sostibilidade e os
valores sociais.
Mellor
emprendedor/a galego/a TIC:
premio ao galego ou á galega líder que día a día, xunto ao seu
equipo, saca adiante un proxecto empresarial tecnolóxico (non é
requisito que a empresa estea radicada en Galicia.). Non hai límite
de idade.
Mellor
desenvolvemento 2.0:
premio á PEME galega responsable do desenvolvemento 2.0 (redes
sociais, comercio electrónico, e-learning,
xogos sociais e calquera outro proxecto tecnolóxico que implique a
participación directa do usuario final) que sexa considerado o
mellor feito en Galicia no 2011 ou 2012.
Mellor
aplicación para dispositivos móbiles:
premio á PEME galega responsable do mellor software, da mellor
aplicación para dispositivos móbiles, desenvolvido no 2011 ou 2012.
Mellor
desenvolvemento deseño web:
premio á PEME galega responsable do mellor deseño/desenvolvemento
web do ano 2011 e 2012, valorarase a creatividade, usabilidade e
accesibilidade do sitio.
Entregarase tamén unha Mención de
Honra, outorgada polo xurado, a aquel evento de networking
realizado en Galicia polo seu labor intensivo e frutífero de impulso
da Sociedade da Información.