Dispáranse os ingresos do ITMATI grazas aos seus proxectos de simulación, optimización e Big Data
venres, 29 de xullo do 2016
As matemáticas e o
cómputo avanzado foron e seguen a ser un puntal da nosa industria. A
tendencia vai a máis? Sen dúbida si. Como mostra, os datos
achegados (memoria anual de actividades de 2015) polo Instituto
Tecnolóxico de Matemática Industrial (IMATI), que sinala que
non só foi quen de aumentar os seus ingresos, senón que case os deu
duplicado. ITMATI, como lembraremos, é un centro de transferencia
participado polas tres universidades galegas. Naceu en 2013 co
obxectivo de achegar solucións e tecnoloxías a empresas e entidades
públicas para apoiar a innovación e mellorar a competitividade.
Todo grazas a ferramentas tecnolóxicas desenvolvidas dende a
matemática industrial. Empresas dos sectores das telecomunicacións
e a informática entre os seus principais “compañeiros de viaxe”.
Máis en detalle, a
memoria de 2015 reflicte “un notábel incremento de ingresos con
respecto ao ano 2014”, en concreto un 97,16 por cento: de
551.529,35 euros a 1.087.372,89 euros en 2015, excluído o IVE. Os
ingresos totais procederon de dúas fontes de financiamento: por unha
banda, os contratos de transferencia, que comprenden contratos de I+D
en varias modalidades (proxectos europeos e estatais de
transferencia, contratos con empresas e convenios de transferencia
con institucións); neste ámbito participaron 22 empresas, cunha
contía total de 1.071.112,89 euros, o que representa o 98,50% dos
ingresos totais de ITMATI para 2015.
A outra fonte de
financiamento son as achegas das universidades, que o ano pasado
representaron 16.260 euros, o 1,5% dos ingresos totais do Instituto,
segundo reflicte a memoria aprobada.
En concreto, ITMATI tivo
en marcha en 2015 un total de 29 contratos con 22 empresas e
entidades. Desde a súa constitución no ano 2013, a cifra global de
contratos é de 37.
Todos eses contratos
céntranse en tres grandes áreas de transferencia: simulación,
estatística/Big Data (información masiva) e optimización.
Salienta o eido de simulación numérica con 21 proxectos activos,
que representan o 48,17% da actividade total, e que superaron o 40%
da facturación total do centro. A continuación sitúase a área de
optimización, que representa o 26,48% do montante de proxectos
activos. Por último, a área de estatística e datos masivos supón
o 25,34%.
Por sectores, os máis de
meirande presenza foron: naval, telecomunicacións e informática.
Entre os principais casos
de éxito cómpre salientar a Unidade
Mixta de Investigación Repsol-ITMATI, cuxo obxectivo último é
sentar os alicerces para incrementar a vida útil das baterías que
usan os vehículos eléctricos e mellorar o proceso de recarga
rápida, así como optimizar os procesos de toma de decisión, entre
outros aspectos.
Outro dos casos de éxito
é o
Proxecto Lumes, ao abeiro do cal desenvólvense novas tecnoloxías
e ferramentas para reducir grandes incendios forestais, tanto en
número como en superficie afectada (inclúe un recurso avanzado
para o seguimento e xestión dos recursos que participan na extinción
dun incendio e para a axuda na toma de decisións na xestión dos
medios aéreos). Os resultados deste proxecto poden representar, a
xuízo da empresa participante Coremain, “grandes beneficios para
administracións e organismos involucrados na xestión de incendios”.