Doentes cardíacos probarán a plataforma do CiTIUS de atención domiciliaria: a plataforma Servando

xoves, 2 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Mentres os sistemas sanitarios camiñan cara a unha meirande privatización e progresivamente vanse perdendo logros obtidos nos últimos anos, os nosos investigadores seguen a traballar arreo no vieiro contrario. É dicir: no camiño de mellorar até onde sexa posíbel a asistencia sanitaria botando man das posibilidades múltiples que achegan as novas tecnoloxías da información. Nesta liña sitúanse proxectos como a plataforma Servando, un sistema un sistema de monitorización domiciliaria de pacientes con doenzas cardiopulmonares desenvolvido por investigadores do centro compostelán CiTIUS. Pois ben, segundo nos contan os investigadores deste espazo de I+D da Universidade de Santiago, a plataforma en cuestión vén de entrar en fase de validación (o derradeiro chanzo da escada antes da súa incorporación á industria).
O resultado do proxecto será en breve probado nun ensaio clínico en tódalas súas posibilidades e implicacións. A experiencia, a desenvolver en colaboración co Grupo de Cardioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (que conta coa participación de pacientes do Servizo de Cardioloxía e Unidade de Cardiopatías Conxénitas da Xerencia de Xestión Integrada, dirixido por José R. González-Juanatey), permitirá “ratificar esta nova tecnoloxía como ferramenta para o seguimento remoto de pacientes crónicos a través de teléfonos móbiles intelixentes”, informan os responsábeis da plataforma. O estudo, engaden, centrarase en persoas con insuficiencia cardíaca, e conta co apoio de R, o operador galego de comunicacións por fibra óptica. Este apoio materialízase por exemplo na cesión dos terminais habilitados coa tecnoloxía sen fíos que se usarán nas probas (Wi-Fi ou datos móbiles). Segundo se informa, a compañía non descarta a incorporación desta nova plataforma á súa estratexia de fogar dixital.
Servando, en palabras dos seus desenvolvedores, “persegue mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por trastornos de orixe cardiopulmonar, co obxectivo de reducir o número de hospitalizacións”. O proxecto está dirixido polo investigador do CiTIUS Paulo Félix. As potencialidades do mesmo foron xa obxecto de distinción por parte do Comité Externo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o seleccionou para participar no programa Acelerador de Transferencia.

PUBLICIDADE