Dous informáticos galegos lanzan unha comunidade para compartirmos gastos de transporte urbano, Diacamma

xoves, 12 de febreiro do 2015 Fernando Sarasketa

Ten futuro na nosa terra algo semellante a Uber? Hai posibilidades de achegar unha plataforma para aforrarmos custes de transporte a través das TIC sen rematar coma o dito servizo, que tivo que cesar temporalmente as súas actividades en España? Ben, todo depende de como se presente e de coidar non entrar en competencia con outros sectores plenamente afianzados. O que si que está claro é que para os responsábeis de Diacamma, a resposta ás preguntas coas que abrimos este artigo é cen por cen positiva. Diacamma é un novo servizo galego posto en marcha na Coruña e que se centra sobre todo en achegar solucións alternativas para o transporte urbano. Segundo conta GCiencia ten máis semellanzas con Blablacar que con Uber.
O servizo galego ten arredor de dous meses de vida e o seu nome, para quen non o saiba, alude a un tipo concreto de formiga, da subfamilia Ponerinae, moi presente en Oceanía e Asia, e que entre outras características presenta a particularidade de non ter raíña. Como é de supoñer, a razón de que os responsábeis da comunidade tiveran elixido o devandito nome ten relación, precisamente, co feito de que estes insectos non teña “xefa”. Ou sexa, que con Diacamma alúdese claramente ás vantaxes de xuntar un colectivo non xerárquico onde todo o mundo bote unha man, libremente, para conseguir obxectivos que doutro xeito (a título individual) serían inviábeis. Neste caso concreto, un dos obxectivos a conseguir é ben ambicioso: reducir de xeito gradual pero sensíbel a cantidade de tráfico que se move nas nosas cidades. Ou sexa, que se minimicen os transportes innecesarios (tantos) e, tamén, que se rendibilicen as viaxes e os desprazamentos poñendo un mesmo vehículo ao servizo de varios ocupantes. A maiores, os creadores de Diacamma queren que para todos aqueles aos que non lles queda máis remedio que usar o vehículo propio ou o taxi, o custe de combustíbel ou peaxes non lles resulte tan difícil de asumir.
Trátase pois de crear unha comunidade de usuarios conectados a través da súa plataforma dispostos a compartir medios de transporte. O servizo céntrase nun principio en actuar sobre traxectos curtos, sobre todo urbanos, como desprazamentos ao traballo ou a distintos eventos. Con todo, os responsábeis da comunidade non pechan a posibilidade de ampliala a usuarios que realizan viaxes longas. A principal diferenza con Uber radica na súa arela de lucro: en Diacamma directamente non existe. Polo tanto, a súa actividade non se pode confundir nin emparellar coa de Uber de ningunha maneira. Do que se trata é de permitirlles aos condutores e internautas un xeito de non deixarse medio soldo na estrada. Por certo que a orixe do servizo está precisamente na constatación do difícil que asumir este tipo de gastos cando os ingresos se manteñen ou mesmo desaparecen por mor da crise. Isto, sumado á comprobación do elevado número de automóbiles e vehículos diversos que circulan polas cidades medio baleiros, foron os ingredientes básicos para a posta en marcha de Diacamma. Detrás deste innovador servizo están os informáticos galegos Rubén Quintela e David Tubío.

PUBLICIDADE