Este ano poderían xurdir versións máis pequenas ou económicas do iPad

xoves, 1 de marzo do 2012 Marcus Fernández

O lanzamento do iPad con pantalla de 7.85 polgadas podería permitir a Apple competir co Kindle Fire en formato e prezo

Por n-ésima vez dende o lanzamento do primeiro iPad, e ante o inminente anuncio do iPad 3, rexorden os rumores sobre un tablet de Apple máis barato e/ou máis cativo, que chegaría ao mercado despois do verán cunha pantalla de 7,85 polgadas para competir con dispositivos coma o Kindle Fire, ao que se igualaría en prezo, o que non deixa de ser un rumor un tanto absurdo de atender á política de Apple de non reducir lanzar produtos de reducidas prestacións e con marxes de beneficio reducidas (especialmente cando dende a compañía sosteñen que os tamaños de pantalla do iPad e do iPhone son ideais para os seus respectivos usos, polo que modificalos podería ser contraproducente).
Outros dos rumores que están a circular por publicacións tecnolóxicas apuntan a que, co lanzamento dun iPad 3 con pantalla de alta definición podería non só continuar no mercado o iPad 2 como unha alternativa máis económica, senón que tamén podería aparecer unha versión do mesmo con só 8 Gb de capacidade de almacenamento, o que podería contribuír a reducir aínda máis o seu prezo, o que colocaría nunha incómoda posición aos fabricantes de tablets con Android (aínda que algunhas fontes matizan que a diferenza de prezo entre 8 e 16 Gb de capacidade sería insignificante, e afectaría moi negativamente ao dispositivo, especialmente agora que é doado desenvolver pesados libros interactivos para el).

PUBLICIDADE