Este xoves abre as súas portas a XV edición de Mundos Dixitais

mércores, 13 de xullo do 2016 Marcus Fernández

Esta mañá o director e creador do Festival Internacional Mundos Dixitais, Manuel Meijide, acompañado polo xerente de IGAPE IP, José Manuel Fernández, presentou a programación da XV edición deste encontro de grande reputación na que os mundos da animación, os efectos especiais, a arquitectura dixital e os videoxogos danse cita durante tres días na cidade da Coruña. Un ano máis unha produción español empresta a súa imaxe ao festival, e nesta ocasión será a prometedora Animal Crackers de Blue Dream Studios, que verá a luz nos vindeiros meses.

Sector nun punto de inflexión

En concreto, máis de 600 expertos internacionais das meirandes produtoras mundiais acudirán a PALEXCO entre os días 14 e 16 de xullo para presentar as últimas novidades do sector da creación dixital, no que este ano toma especial importancia a emerxencia da realidade virtual. O director do festival defíneo como “un punto de referencia para que o sector se xunte para amosar as últimas tecnoloxías e desenvolvementos deste ámbito, sobre todo agora que está nun punto de inflexión no que os contidos de lecer teñen que convivir con novas áreas, con outros novos desenvolvementos, con outras novas interfaces... como son a realidade virtual, a realidade aumenta, que van mudar o xeito de xerar contidos e contar historias, algo no que os creativos están a traballar”.

Grande momento para o sector

Pola súa banda o xerente de IGAPE IP asegura que “non cabe dúbida de que neste momento estamos a vivir unha revolución dixital, que ten que ver con que cada día a tecnoloxía está a avanzar a pasos máis rápidos, o que nos leva a grandes innovacións que nos leva ao problema de que os grandes desenvolvementos tecnolóxicos precisan seren absorbidos polas persoas para poder utilizarse. Nese sentido entendemos que Mundos Dixitais é un foro inmellorable para que todo o que se está a xerar ao redor da creación dixital poida aterrar dentro das cabezas das persoas” ao que Fernández engade que “é moi importante que isto ocorra en Galicia, porque o sector da creación dixital e de contidos ten unha serie de características que para nós fano moi importante, que nos fan desexar que se desenvolva moito máis en Galicia, xa que xera emprego cualificado (as persoas que traballan na creación de contidos precisan dun background, dunha carreira profesional ampla, o que fai máis estable o seu posto de traballo) e por outra banda é un sector difícil de copiar (non é tan doado de trasladar como unha fábrica, xa que precisa dunha rede de relacións)”.
José Manuel Fernández subliñou que “Mundos Dixitais está entre os tres principais eventos anuais deste tipo a nivel europeo, e celébrase en Galicia”, mentres que Manuel Meijide saliente o bo momento desta nova edición do festival, cando menos no que á produción estatal se refire, xa que “este ano é o que con diferenza o sector está máis maduro, cun grande número de empresas que están a desenvolver proxectos de primeiro nivel internacional” e incluso matizou que se acurtou moito a distancia entre as produción de primeira liña e o resto, que cada vez conseguen maior calidade e prestixio, de aí que cada vez se traballe máis para clientes internacionais.
Meijide tamén salientou que “este ano o Premio Especial recae no profesor Daniel Martínez Lara, xa que este ano o sector en España está vivindo o seu mellor momento, en grande medida por xente como el. Foi un referente para todos os que agora son punteiros a nivel mundial, e queriamos así recoñecer toda a súa traxectoria e aos seus alumnos que agora mesmo forman todas esas grandes producións”.

Primeira xornada

A nova edición de Mundos Dixitais abrirá as súas portas o xoves, cunha clase mestra sobre interpretación para animadores do propio Ed Hooks, todo un pioneiro na formación neste ámbito, que ocupará toda a sesión matinal cos seus amplos coñecementos.
A sesión vespertina comezará coa presentación dos efectos visuais algunhas series de televisión máis premiadas dos últimos anos, como Peaky Blinders, War & Peace, The Night Manager ou The Last Kingdom, que achega o coruñés Fernando Vizoso; realizarase unha viaxe por 20 anos de animación en España; e tamén presentaranse os desenvolvementos de multitudes da longametraxe de animación Deep, coprodución española que prevé a súa estrea a finais de ano en máis de 40 países.

Espazo para a realidade virtual

Como novidade, este ano, e durante todo o evento, Mundos Dixitais contará cun espazo dedicado á realidade virtual e aos contidos que os novos medios poñen a disposición de contidos, como será a posibilidade de experimentar en primeira persoa o proxecto Tomorrow, creación de Future Lighthouse, que pode verse neste evento en primicia e que mediante a mestura de gráficos por ordenador e vídeo en 360 graos consegue unha experiencia inmersiva que narra a evolución da linguaxe, levándonos a unha viaxe dende as antigas covas da idade media até a xulga do Amazonas para entender o concepto de futuro.

PUBLICIDADE