Facenda forma aos empresarios de Vigo sobre as vantaxes da factura electrónica

mércores, 17 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A Confederación de Empresarios de Vigo acolleu hoxe un seminario de balde para formar aos empresarios sobre as vantaxes da factura electrónica, posta en marcha pola Consellería de Facenda para garantir o pago en 45 días.
O departamento autonómico programou 14 seminarios en distintas localidades galegas co fin de ofrecer ás empresas galegas unha visión clara, práctica e tanxible sobre a facturación electrónica. O Xefe da División para o Desenvolvemento de Sistemas da Información do Centro Informático para a Xestión Tributaria (CIXTEC), Germán Ferreiro, presentou hoxe o seminario na Confederación de Empresarios de Vigo.
Durante o seminario explicáronse todos os aspectos relacionados coas vantaxes da adopción da factura electrónica e os pasos a seguir para facelo da forma máis sinxela posible, ademais de resolver todas as dúbidas que esta formula no ámbito operativo e tecnolóxico. Expúxose tamén a vantaxe que supón utilizar este procedemento e as distintas solucións existentes para automatizar tanto a emisión como a recepción das facturas electrónicas.
Os asistentes puideron coñecer de primeira man os novos servizos e o funcionamento da plataforma que sustenta o rexistro electrónico de facturas dende que a factura entra na Administración a través do portal de entrada ata que se produce o seu cobro por parte do interesado.
Isto supón unha estratexia de modernización que simplificará trámites e aforrará custes garantíndose, por parte da administración, o pago das facturas en 45 días.
Co obxectivo de acadar rapidez e eficacia ao servizo do cidadanía Facenda implantará a licitación electrónica, a factura electrónica e outros novos sistemas de comunicación e intercambio de información. Todos eles configuran novas técnicas de xestión que o Goberno galego incorporará axiña á súa xestión.