GALPon inaugurará o terceiro ciclo dos Sábados Libres cun obradoiro sobre Arduino

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Redacción

Material desenvolvido polo equipo Arduino, que terá representación na actividade de GPULO colectivo galego GALPon segue adiante e sen pausa co seu compromiso formativo arredor do software libre. Sen ir máis lonxe, o vindeiro 31 de xaneiro inaugúrase o terceiro ciclo dos Sábados Libres na Altamar cun obradoiro sobre Arduino, Programación de Arduino e Arduino Connect, unha actividade impartida por Guillermo Cordeiro, socio da devandita asociación para o impulso da programación aberta amais de técnico de sistemas. Como lembraremos, Arduino é unha plataforma de hardware libre que pon o desenvolvemento electrónico e robótico ao alcance de calquera. Está baseada nunha placa cun microcontrolador de baixo custo e un contorno aberto de desenvolvemento que pode adquirise en libre descarga.
Volvendo ao ciclo de GALPon, sinalar que abranguerá o último sábado dos meses de xaneiro - xuño e setembro - novembro achegando obradoiros sobre tecnoloxías libres. Estes obradoiros son todos de balde, abertos ao público en xeral, estando limitadas as prazas por motivos de aforo e a efectos de garantir o correcto seguimento por parte dos asistentes.
A actividade do último sábado de xaneiro celebrarase unha vez máis na Residencia Altamar, en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.30 horas podendo prolongarse o remate en función dos contidos e a participación. O programa inclúe (entre outros contidos) a presentación de Arduino, a iniciación ao entorno de programación processing, a realización de distintos exemplos de modelos electrónicos dispoñíbeis na páxina de Arduino, unha exposición de proxectos que se apoian nesta plataforma (RepRap, PrintBo, Lottie Lemon, Openpipi, etc) e unha introdución ás metodoloxías para integrala con outras plataforma, como Android ou Raspberry.

PUBLICIDADE