GALPon recunca cunha festa de mapas de OpenStreetMap o vindeiro 3 de outubro

martes, 8 de setembro do 2015 Redacción

O vindeiro sábado 3 de outubro temos pola banda de Vigo unha actividade de interese para os nosos seareiros de software libre e, dentro deste ámbito, das ferramentas e recursos que posibilitan un rexistro exhaustivo das contornas xeográficas nas que vivimos e nos movemos. A actividade vén da man da man do colectivo GALPon e consiste na nova convocatoria da festa dos mapas, a Mapping Party de OpenStreetMap. A cita, que conta coa colaboración de Xeoinquedos, insírese nas novas andainas dun ciclo divulgativo da asociación do que xa temos falado arreo nesta web: os Sábados en Altamar.
Amais dunha introdución nas tecnoloxías libres de mapeo (o eixe será OpenStreetMap e contarase coa dirección formativa de Micho García e Francisco Sampayo), haberá actividades paralelas con traballo de campo e desenvolvemento técnico da teoría aprendida previamente (a vertente práctica virá da man de Rafael Avila Coya, membro do Humanitarian OpenStreetMap Team, HOT).
O programa do obradoiro de iniciación é o seguinte:
· 10:00 - 11:00 Explicación de OSM, como se levanta información, organización de equipos e reparto pola zona a cartografar.
· 11:00 - 14:00 Levantamento de información no campo.
· 16:00 - 19:30 Traballo con computadores para enviar a información a OSM (explicarase como utilizar os datos nos nosos propios proxectos, resolución de consultas, etc).
· 19:30 . 20:00 Peche do obradoiro, revisión do traballo realizado.
Por certo que este ciclo de Sábados Libres na Altamar, forma parte das actividades que GALPon realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2015 da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE