GPUL convócanos á súa nova cita para desenvolvementos libres (o 30 de abril)

martes, 19 de abril do 2016 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux, GPUL, ten entre mans unha nova actividade coa “etiqueta” GPUL Labs, que é como que se coñece a nova andaina do grupo para fomentar o pulo ao software aberto e crear na nosa terra unha comunidade estábel de desenvolvedores open source. Desta vontade de facer unha fronte común continua arredor da informática sen cancelas xorde o seu novo Hackathon de desenvolvemento de Software Libre. Celebrarase na Coruña o vindeiro 30 de abril. Segundo informa o GPUL, durante un día de traballo colaborativo os asistentes terán a oportunidade de materializar pequenas ferramentas útiles para o día a día de todo tipo de usuarios.
A idea é crear o ambiente máis acaído posíbel para pór en marcha proxectos emprendedores baseados en tecnoloxías libres ou, en palabras da organización, “simplemente pasar un día de cacharreo entre amigos nun ambiente no que aprender e innovar”. O evento terá lugar no Espacio de Iniciativas Xuvenís (EIX) do Concello da Coruña dende as 9 da maña e estenderase até as 21:00 horas. A entrada é de balde a aberta a todo tipo de persoas de calquera ámbito interesadas pola tecnoloxía, sinalan dende GPUL, que engaden que os asistentes disporán para os seus traballos (posíbeis probas e experiencias de desenvolvemento) de material hardware como Raspberrys Pi, Arduinos e sensores. Ademais, “estarán convidados a almorzar e xantar”, e todo co obxectivo de “facer piña e contribuír a crear unha comunidade de desenvolvedores preocupados polas tecnoloxías libres que impulsen proxectos de código aberto na contorna galega”.
Como lembraremos, non se trata do primeiro hackathon da tempada que abrolla de GPUL Labs. A anterior edición, que se celebrou hai uns días e que xirou arredor da Internet das Cousas, resultou ser, segundo explican dende o Grupo, “todo un éxito”, con máis de 40 persoas inscritas e con diversos proxectos como un bot de Telegram para controlar unha casa domótica, ou un sistema de streaming de radio autónomo, ou, tamén, un proxecto para a apertura de pechaduras usando tecnoloxías RFID (entre outras achegas innovadoras baseadas en programación e hardware abertos).
GPUL recorda tamén os devanditos proxectos atópanse todos publicados no grupo de GitHub de GPUL, no que tamén se publicarán as iniciativas que xurdan desta nova edición na que, sinalan, “agardamos superar a cifra de asistentes e pasar un día divertido no que aprender moito entre amigos”. No novo hackatón colaboran unha vez máis a axencia AMTEGA, a Universidade da Coruña e empresas galegas de recoñecemento internacional como a galega Igalia ou CartoDB.

PUBLICIDADE