Google Street View chega a boa parte das rúas galegas e ao Camiño Francés
martes, 10 de novembro do 2009
- Moitas rúas do casco histórico compostelán poden percorrerse a pé de rúa nos mapas de Google
Google sorprendeu
agradablemente a boa parte de Galicia ao ampliar
considerablemente a cobertura do servizo Google Street View integrado nos seus
mapas, de xeito que os núcleos de poboación máis importantes das
provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra, e as súas vías de comunicación
(incluíndo o ourensán tramo que une Verín con Xinzo de Limia) poden xa
explorarse a pé de rúa, destacando especialmente a posibilidade de poder
percorrer o Camiño de Santiago incluso por vías nas que habitualmente non
transitan automóbiles.
Visitar Lugo, Vigo, Pontevedra ou incluso a zona
monumental de Santiago de Compostela é posible facerse dende a
pantalla do ordenador ou incluso dende terminais de telefonía móbil coma o
iPhone ou os terminais con Android.
Esta funcionalidade de Google resulta especialmente útil á hora de localizar
establecementos comerciais, xa que a vista en 360 graos das distintas localizacións
axuda a identificar as rúas e os locais, para recoñecelos de xeito doado ao
chegar aos mesmos en persoa. Tamén supón un importante avance para os móbiles
con GPS, que achegan así unha vista moito máis completa do contorno no que está
o usuario.
Descoñecemos o criterio empregado para esta ampliación do servizo de Google
Street View (pois non parece ser o número de habitantes, posto que moitas vilas
cativas e estradas secundarias aparecen rexistradas) pero agardamos que ao
igual que o norte galego parece bastante cuberto, a provincia de Ourense tamén
vexa ampliada a súa cobertura nesta atractiva prestación.
Núñez Feijoo presentou Google Street View como «a mellor ferramenta para transformar internautas en peregrinos»
- O presidente da Xunta de Galicia presentou a actualización de Google Street View, que inclúe a recreación virtual do Camiño Francés
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, presentou hoxe esta nova incorporación a Google Street View, considerando que grazas á colaboración de Google e o Xacobeo pódese acadar «a mellor ferramenta posible para transformar internautas en peregrinos».
Feijoo salientou que a Internet ten cambiado o xeito de comunicarnos, e «o Xacobeo ten que estar no núcleo da sociedade da información e do coñecemento», ao que o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, engadiu que «non podemos quedarnos á marxe das tecnoloxías, sería coma meternos nunha urna, como alguén que decide non saír da súa casa».
O presidente galego lembrou, no transcurso da súa intervención, a proposta do Goberno galego de facer un Xacobeo espiritual e tecnolóxico. «Iso propuxemos e hoxe acreditamos que cando falábamos de facer un Camiño innovador falábamos de metelo en todos os fogares do mundo; por iso hoxe é un día importante», xa que «por primeira vez desde o século VII que se iniciaron os camiños a Santiago, por primeira vez este Camiño está aberto os 365 días do anos, as 24 horas do día».
- A cobertura de Google Street View marcada en azul
- En terminais coma o iPhone tamén pode consultarse o servizo Google Street View
- O Camiño de Santiago poderá percorrerse agora de xeito virtual
- O servizo difumina as caras dos transeúntes para protexer a súa intimidade
- Non só as cidades, senón que tamén moitas vilas están presentes en Google Street View
- Nos lugares visitados tamén está dispoñible información adicional
- O servizo abre a porta a contidos achegados polos usuarios coma fotografías xeolocalizadas