Google publica a relación de temas máis buscados en 2012

mércores, 12 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Cando o ano achégase á súa fin, dende Google botan tradicionalmente a vista atrás publicando un barómetro das buscas que realizamos durante os últimos meses no que dan en chamar Zeitgeist anual, e do que xa temos os resultados do presente ano, que podemos consultar de xeito global, ou por países e categorías temáticas, destacando como as tendencias de busca do presente ano a figura de Whitney Houston, a canción Gangnam Style e o furacán Sandy, que supoñen unha boa mostra do que tendemos a consultar na Rede.
Entre as categorías destacadas a nivel mundial teriamos que o atleta emerxente este ano sería o xogador da NBA Jeremy Lin, a película que captou máis interese Los Juegos del Hambre e o produto de electrónica de consumo o novo iPad.
Se concretamos en España, aínda que Whitney Houston conseguiu ser a persoa máis representativa nas buscas, o resto de temas globais non conseguiron o mesmo peso que a nivel mundial, destacando especialmente os temas económicos. Así, as buscas emerxentes este ano serían as relativas a Bankia, Mi Tele, a prima de risco, Gran Hermano 12+1, Lo Imposible, Apalabrados, a reforma laboral, Felix Baumgartner, o mencionado tema Gangnam Style e Servizo Público de Emprego.
Se afondamos nas distintas categorías destaca que a palabra Pokémon fose a máis introducida na busca de imaxes; sorprende ver que películas de éxito como Lo Imposible e Prometheus tivesen menos buscas que a discreta Ted; a canción máis buscada sería o Yo Te Esperaré de Cali y el Dandee; na televisión trunfarían Gran Hermano, a serie The Walking Dead e Gandia Shore; o deportista de moda sería Sergio Ramos; o equipo de fútbol que xerou máis buscas sería o Sevilla FC; no tocante aos deportistas olímpicos locais destacan Mireia Belmonte e Pau Gasol; na política pode sorprender que Rajoy superase a figuras de actualidade como Andrea Fabra, Esperanza Aguirre e Santiago Carrillo; no ámbito literario a saga de Juego de Tronos consegue superar a outras como Los Juegos del Hambre e 50 Sombras de Grey; e a marca de moda máis buscada conseguiu ser Zara.


Vídeo de presentación do Google Zeitgeist 2012

PUBLICIDADE