Igaciencia celebra en xullo a cuarta edición do seu Congreso de Software Libre para a Educación

luns, 8 de xuño do 2015 Fernando Sarasketa

O vindeiro mes vaise celebrar na nosa terra un dos encontros máis referenciais a nivel galego e estatal en materia de programación aberta. Falamos do Congreso de Software Libre para a Educación, evento que xa vai pola súa cuarta convocatoria e que se desenvolve os días 1 e 2 de xullo no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago. O encontro, que vén da man de Igaciencia, inclúe na súa axenda un cumprido feixe de obradoiros prácticos das temáticas máis variadas, todos co nexo común de visualizar solucións e tecnoloxías abertas de interese para o noso ámbito docente.
Entre os obradoiros previstos inclúense os seguintes: Raspberry Pi, Arduino, Robotica con EV3, Scratch, Exelearning, Moodle, Vídeo en Educación, Crear Música con Arduino, Processing, Grasshopper, HTML5, Tablas Fusión, App Inventor, etc.
Amais das devanditas actividades formativas, o evento abranguerá a presentación de proxectos como RuralSchoolCloud ou Escornabots.
En palabras dos organizadores, estas actividades, amais de outras que van completar a axenda e das que iremos dando conta os días vindeiros, achegan un congreso referencial no seu ámbito e, tamén, un compromiso por amosar tecnoloxías e solucións que “non é posíbel ver en detalle en ningún outro congreso ou curso”.
Segundo informa a organización, parte dos coñecementos que se van impartir no evento están orientados á participación en concursos convocados por Igaciencia en 2015, como por exemplo Inventa en Galego, Sensores ou o certame de robótica de 2016 programado por Igaciencia e Educa Barrié. Os responsábeis do Congreso de Software Libre para a Educación tamén lembran que estes concursos son a día de hoxe “os máis amplos e os que contan con meirande número de alumnos de toda Galicia, cunha participación de 2.200 escolares de todo o país en 2015”.
Volvendo ao Congreso, recordar que os seus obxectivos son propiciar o intercambio e coñecemento entre investigadores e profesores de educación na área de software libre e fornecer a posibilidade de encontro entre todos os profesores e profesoras de Galicia interesados no ensino da área científica-matemática-tecnolóxica, desde o punto de vista do uso de software libre, “para facilitar o fluxo de ideas e experiencias así como a presentación e difusión de recursos didácticos”. Outra das finalidades do evento é habilitar “un espazo para coñecer mellor e gozar do mundo da programación aberta con exposicións de diversas experiencias e mostras”.
Os destinatarios do Congreso son, sobre todo, os profesores de Primaria e de Secundaria.
Colaboran no evento AMTEGA, Educa Barrié, o CESGA, o CNTG Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia da Consellería de Traballo e Benestar e Rural School Cloud

PUBLICIDADE