LG integrará Intel WiDi nos seus televisores de alta gama

xoves, 15 de decembro do 2011 Marcus Fernández

LG Electronics e Intel veñen de pechar unha alianza para promover a tecnoloxía Intel Wireless Display (WiDi), de xeito que en 2012 os televisores LG CINEMA 3D Smart TV van ser os primeiros no mercado en integrar a tecnoloxía WiDi de Intel, para permitir que dispositivos como ordenadores portátiles poidan amosar os seus contidos en proxectores ou televisores de grande tamaño sen a necesidade de cables USB ou HDMI.
A tecnoloxía WiDi de Intel non só permite compartir contido almacenado, senón que tamén permite achegar contido en liña (vídeos de YouTube e canles de televisión en directo) a través de dispositivos móbiles, ampliando as posibilidades dos televisores de LG, que terán nesta característica un elemento diferenzador.
Amais, mentres se comparten contidos a través de WiDi os usuarios poden continuar a utilizar os seus dispositivos para outras tarefas.