LibreTeo amosará á cidadanía galega as vantaxes de apostar pola cultura aberta

luns, 18 de abril do 2016 Redacción

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre, AGASOL, vai organizar en Teo (A Coruña) un encontro sobre a información sen cancelas e as potencialidades desta para empresas, asociacións, entidades públicas e usuarios de a pé. O evento LibreTeo, Software libre. Cultura libre vén da man, tamén, do Concello de Teo, MeliSA, GALPon, a Comunidade O Zulo, Boa idea, Orienta Galicia e Imaxin Software. O encontro vai dirixido a facer fincapé, da maneira máis transparente e sinxela posíbel, nos fundamentos e vantaxes da cultura libre. Para isto, falarán membros da comunidade galega de open source, procedentes tanto de asociacións como de empresas (é o caso de Imaxin, unha das nosas firmas TIC máis senlleiras, e tamén unha das máis sobranceiras defensoras do coñecemento sen cancelas).
O evento terá lugar o 30 de abril no Auditorio da Ramallosa do Concello de Teo. Será de balde, previa inscrición. En palabras da organización, trátase dun evento “centrado na liberdade das persoas e o tremendo potencial que ten a xente cando colabora en proxectos libres; con propostas e referencias nos sectores do software, a cultura e o coñecemento”. Todas as charlas e obradoiros están dirixidos a todos os públicos, “cunha linguaxe sinxela e sen tecnicismos”, engaden.
Respecto do programa, malia ser aínda provisional, amosa xa relatorios de gran relevancia para usuarios, desenvolvedores e, en xeral, persoas, entidades e empresas interesadas en apostar no seu día a día pola programación aberta.
· Edición de vídeo para todos. Iñaki Quenerapú — Boa Idea
· Produción musical con software libre Miguel A. Rodríguez Muíños — MeliSA e Comunidade O Zulo
· Imaxes en acción Jorge Lama — MeliSA
· A historia da Kernel de Mugardos Alberto Permuy — Comunidade O Zulo
· Hackcesibilidade Fátima García Doval — Discapacitodos
· Distribucións de Linux lixeiras e para cativos Miguel Bouzada — GALPon e Comunidade O Zulo
· Orienta Galicia: actitude Ubuntu Marta Romeo — Orienta Galicia
· Software libre nos centros penitenciarios galegos Rafa Gaioso — MeliSA
· Humor e música (peche do evento) Víctor Grande

PUBLICIDADE