
Esta xornada está aberta a todos os interesados en iniciarse na colaboración co proxecto da Galipedia e será unha boa oportunidade de achegarse ó proxecto da man de varios dos seus administradores.
Para os que os descoñezan, un wikimaratón é unha reunión (presencial ou virtual) convocada para editar e mellorar de xeito colectivo os contidos dunha Wikipedia sobre un tema ou unha serie de artigos relacionados con el. Adoitan estar promovidos por unha institución educativa ou cultural -neste caso a Universidade de Santiago de Compostela, a través da Biblioteca Intercentros e de Proxéctate en Galego- e buscan visualizar a comunidade da Wikipedia, favorecer o contacto entre os seus membros e facer máis doada a achega a ela de novas persoas. Para máis información e para apuntarse cómpre visitar o espazo en liña da Galipedia.
Programa de actividades
- 10:30-11:20 – Presentación. Introdución á Galipedia e á edición co Editor visual (Elisardo Juncal, da Galipedia)
- 11:20-11:30 – Planificación e distribución do traballo de edición (Os participantes que non o fixeran xa deben apuntarse na listaxe de abaixo).
- 11:30-13:45 – Sesión de traballo 1
- 13:45-16:00 – Xantar
- 16:00-16:45 – Ciencia na sobremesa.- “Xogando coa mente marabillosa de John Nash” (Julio González Díaz, do Departamento de Estatística e Investigación Operativa da USC)
- 16:45-18:30 – Sesión de traballo 2
- 18:30-19:00 – Remate e avaliación do Editatón

