Marcos Mata e Fernando Suárez redobran esforzos para esixir que a Lei de Servizos Profesionais garanta o futuro das Enxeñerías en Informática

venres, 10 de maio do 2013 Fernando Sarasketa

Fernando Suárez e Marcos Mata, presidentes do CPEIG e CPETIG, respectivamente / Imaxe: Marcus Fernández

Aínda que non todo o mundo o saiba, este que vivimos é un intre crucial para o futuro da informática a nivel galego e estatal. En realidade, é crucial para o futuro das Enxeñerías en Informática, o que a moitos niveis é practicamente como dicir o mesmo. Así nolo contan Marcos Mata e Fernando Suárez, presidentes do Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica e Informática de Galicia (CPETIG) e do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), respectivamente. Con eles xuntámonos os días pasados para que nos puxeran ao tanto dun problema ao que non podemos ficar alleos: o problema dunha lei en desenvolvemento, a Lei de Servizos Profesionais, que suporía (tal e como está) un gran agravio para os dereitos dos profesionais que constrúen, cada día, en Galicia e no resto do Estado, a Sociedade da Información. En xogo non só está o recoñecemento aos enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en informática, arestora menosprezados con respecto ao resto das enxeñarías, senón, como din Suárez e Mata, o ansiado cambio de modelo económico e produtivo que a cidadanía, cada vez máis castigada, esixe un día si e outro tamén.
-Código Cero: Os días pasados escoitáronse na nosa terra, e en toda España, voces en contra do borrador do proxecto de Lei de Servizos Profesionais que, impulsado polo Goberno, inclúe unha serie de elementos negativos para os profesionais TIC, como por exemplo unha nova clasificación para os estes colectivos, ao deixarse ás Enxeñarías en Informática explicitamente fóra do conxunto de títulos que darían acceso a unha profesión de enxeñeiro. Entre as voces de alarma puidemos escoitar precisamente as vosas, altas e claras. Esta defensa dos vosos dereitos non é nova, tanto por parte do CPEIG como do CPETIG, pero se cadra nunca antes se escoitou tan alta. Credes que a ocasión o necesita? A exclusión da Informática do borrador lexislativo, que consecuencias tería para a profesión?
Fernando Suárez: Estou absolutamente convencido de que este é un momento crucial para o futuro das Enxeñarías en Informática. A LSP vai cambiar radicalmente o panorama dos servizos profesionais e non estar no conxunto de enxeñarías nela recollido suporía un claro agravio ás nosas profesións, degradando claramente non só ás profesións en si, senón a milleiros de profesionais cunha alta capacitación e formacións específicas e de calidade, recoñecidos internacionalmente e nun sector chamado a liderar o cambio de modelo económico.
Marcos Mata: Comparto con Fernando a valoración do momento que estamos a vivir. Ata o de agora, a situación das Enxeñarías en Informática supoñía unha irregularidade en canto a que non se estaban a garantir os dereitos que como tal tiñan por lei. Esta novo anteproxecto de lei pretendería consolidar unha situación irregular, supoñendo un golpe de graves consecuencias.
-A nivel galego, habería algunha consecuencia específica? Dito doutro xeito: afectaríanos especialmente este proceso, dun xeito particular?
Fernando: Estamos a falar dunha lei de carácter estatal, co cal as consecuencias serían para todo o territorio nacional. Sen embargo, iso non quere dicir que non afecte claramente ao sector TIC galego, que debe aproveitar as capacidades dos profesionais do noso ámbito.
Marcos: Esta non é unha lei que debamos mirar dun xeito local, pois as consecuencias son estatais, trasladándose ó noso entorno, co que pode supoñer para o sector das novas tecnoloxías e os estudos de informática nas tres universidades galegas, xa que os estudos de informática terán menos atractivo para os estudantes.
-Que consecuencias tería a devandita exclusión para os proxectos que se desenvolven na sociedade? Veríase afectada a calidade e as garantías das grandes iniciativas con compoñentes tecnolóxicos?
Fernando: De seguro que así sería. Dificilmente podemos imaxinar algún sector ou ámbito dunha sociedade moderna na que os sistemas informáticos non teñan unha presenza transcendental. Pensemos en sistemas de control de todo tipo de tráfico (aéreo, ferroviario, …), sistemas no ámbito sanitario, control de infraestruturas críticas como poden ser as centrais enerxéticas, os sistemas das administracións públicas…. Estamos a falar de compoñentes cunha criticidade altísima e nos que se carecería da capacidade de liderado de persoas coas competencias, capacitación e formación que garanten as nosas profesións.
Marcos: A total falta de regulamento dos proxectos informáticos fai que actualmente non exista ningún tipo de control ou responsabilidade sobre os mesmos. Todos estamos afeitos a ler a frase de “fallo informático” e dá igual se as consecuencias son que os estudantes se queden sen unha merecida bolsa por un fallo no sistema, que as administracións invistan millóns de euros en proxectos que non poden poñerse en produción, que os pasaxeiros dun avión queden en terra ou se vexan afectadas infraestruturas críticas como a enerxía. As consecuencias poden ser económicas, sociais ou incluso afectar á saúde das persoas, pero non se esixen responsabilidades. Cruzarías co teu coche unha ponte que non superase as probas de carga e sobre a que ningún enxeñeiro se fixese responsable? A sociedade debe saber que os sistemas que controlan os nosos datos persoais, de saúde, etc. non contan con ningún tipo de regulación, e polo tanto de control. Esta lei, no seu texto actual, suporía a confirmación deste modelo de autoregulación, que deixa que sexa o mercado o que estableza os niveis de calidade e seguridade necesarios en calquera sistema informático, o que provocará que se primen os beneficios económicos respecto ao investimento preciso para garantir a calidade e seguridade dos sistemas.
-Dicía recentemente Ana Garriga, directora da Escola Superior de Enxeñaría en Informática de Ourense, que de confirmarse esta redacción, suporía que as profesións de Enxeñaría Técnica en Informática e Enxeñaría en Informática poderían quedar fóra do recoñecemento profesional que merecen tras máis de 25 años de desenvolvemento en España. Estades de acordo con ela?
Marcos: Por suposto que é así. Esta lei, de confirmarse o texto que está a difundirse, suporía o peche ao recoñecemento que as Enxeñarías en Informática veñen demandando merecidamente e que ata o de agora só podía entenderse como unha vulneración dos dereitos que a lei lle recoñecía.
Fernando: Totalmente de acordo con Ana. As Enxeñarías en Informática contan coa madurez suficiente no noso país como para ser competitivas a nivel internacional. Esta presunta exclusión suporía unha falta de recoñecemento por parte das autoridades que son responsables de garantir o progreso e calidade de vida no noso país. Non ten ningún sentido estar a formar profesionais cunha altísima capacitación aos que posteriormente non se lles recoñeza unha valía profesional.
-A que credes que responde este cambio de rumbo no tratamento dos profesionais da informática? Ten que ver coa crise económica que estamos a vivir? Ten que ver cun sistema socioeconómico, o español, que non valorou como se merecía as profesións que representades e, polo tanto, non puído evitar que o tecido económico dependese de máis duns sectores que inevitábelmente levaron o país á crise? Dito doutra maneira e de xeito resumido: a que atribuídes o feito de que nos últimos anos os lexisladores estean a menosprezar ás enxeñarías en Informática?
Fernando: En absoluto ten que ver coa crise. A LSP propón unha aposta liberalizadora, que non entramos a valorar en ningún momento. Tampouco se trata dun cambio de rumbo, xa que ata o de agora, xunto coa enxeñaría química, eramos a única enxeñaría con ausencia de regulación Só se trata de reclamar algo que entendemos que é de xustiza que é a igualdade de trato co resto das enxeñarías. Esta exclusión supón un claro menosprezo e falta de coñecemento da potencialidade que teñen unhas profesións e uns profesionais nun contexto de cambio de paradigma económico, no que a economía do coñecemento ten que liderar a saída da crise. Entendemos que a ese descoñecemento dos poderes políticos se une unha falta de asesoramento en materia de modernización, fomento da competitividade e innovación.
Marcos: Engadiría á resposta de Fernando que os lexisladores están a confundir a liberalización coa desregularización, e apostando dun xeito agresivo polo segundo, están a aproveitar a situación de indefensión actual dos enxeñeiros en Informática. Cando o obxectivo debería ser o recoñecemento e posta en valor destes profesionais e a aposta pola calidade, e a regulación no caso dos sistemas críticos, parece que o que se está a pretender é todo o contrario.
Fernando Suárez, presidente do CPEIG, e Marcos Mata, presidente do CPETIG -De manterse o texto actual na LSP, ¿en quen recaería a responsabilidade das infraestruturas de información e comunicación?
Fernando e Marcos: Habería que ver a segunda parte da reforma, na que se establecerán modificacións no que atinxe ás reservas de actividade. Pero de manterse este texto o único claro é que os enxeñeiros e enxeñeiros técnicos en informática non teríamos competencias neses ámbitos, o que a todas luces é unha verdadeira incoherencia.
-Os numerosos agravios cara a profesión informática en España, ¿poderían levar aos mellores profesionais do sector a emigrar en busca de recoñecemento? ¿Estamos a deixar fuxir a excelencia?
Fernando: A falta de recoñecemento profesional é un claro motivo de fuga de coñecemento e excelencia ao estranxeiro. Hai non moitos días, Mark Zuckerber, fundador de Facebook, e quen a pesares da súa xuventude ten unha grande influencia en moitas decisións de calado nos Estados Unidos, facía unha reflexión sobre a economía do pasado século, baseada principalmente nos recursos naturais, a maquinaria industrial e a man de obra, e a economía actual, baseada no coñecemento e nas ideas. Neste novo paradigma económico os recursos máis importantes son as persoas con talento que podemos educar e atraer cara ao noso país. Unha economía do coñecemento pode medrar máis, crear mellores postos de traballo e ofrecer mellor calidade de vida para todos. Agardo que os nosos responsables políticos recapaciten sobre isto e se decaten das consecuencias da posible fuxida dos nosos profesionais.
Marcos: Se a unhas titulacións cos niveis de esixencia da Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica en Informática e cos excelentes profesionais cos que conta non se lle recoñece nin sequera ao nivel do resto das enxeñerías, está claro que non serán poucos os que o busquen noutros estados próximos, onde si se está a por en valor esta profesión. Isto suporá unha descapitalización do activo máis importante co que contamos, profesionais altamente capacitados, e que afectará con toda probabilidade ós máis mozos e emprendedores.
-Hai volta atrás no texto actual da LSP? Credes que se pode facer algo? Cal credes que sería, con referencia ás profesións que representades, un borrador da Lei ideal, algo co que de verdade ir comezando e construíndo en clave positiva?
Marcos: Hai que ter en conta que falamos dun borrador, e como tal dende os Consellos cremos que se está a tempo de corrixir o que sería un erro moito máis difícil de arranxar no futuro. En primeiro lugar a Lei non pode deixar fora das Enxeñarías á Informática, coma sucede no borrador que está circulando, en concreto na súa disposición adicional segunda. Ese sería o primeiro cambio necesario e que deixaría as Enxeñarías en Informática na situación de igualdade que estamos a reclamar e que nos permitiría seguir traballando pola profesión.
Fernando: Dende logo que si que hai volta atrás. O que estamos a manexar é un borrador que aínda non está aprobado, polo que hai tempo antes da súa tramitación parlamentaria. O que pedimos é sinxelo e penso que de xustiza: que incorporen as profesións de Enxeñaría e Enxeñaría Técnica en Informática á listaxe na que se enumeran as enxeñarías e, xa que logo, teñen un trato común e igualitario.
-As reclamacións e as mobilizacións, están a ter igual repercusión no resto de España? Estades, neste senso, en conexión cos restantes órganos colexiados rexionais e estatais?
Fernando: Esta é unha reclamación con carácter nacional e na que estamos unidos, non só os dous consellos de colexios de enxeñaría e enxeñaría técnica dos que Marcos e máis eu somos representantes. Temos unidade de acción tamén coa CODDII (Conferencia de Directores e Decanos de Enxeñaría en Informática) e coa RITSI (Reunión de Estudantes de Enxeñarías Técnicas e Superiores en Informática), cos que estamos a traballar ombro con ombro acudindo en conxunto ás distintas reunións que estamos a manter cos Ministerios implicados neste asunto.
Marcos: Dende o primeiro momento, os Consellos Xerais de Colexios (CONCITI, do que son presidente, e CCII, que representa Fernando como vicepresidente) están coordinando tanto a resposta dos colexios profesionais, como o contacto con estudantes e universidades. A repercusión é global, como pode apreciarse nas redes sociais ou en xestos como a recollida de sinaturas de apoio ao trato igualitario na LSP ás Enxeñerías en Informática, que acadou en poucos días máis de 15.000 sinaturas.


PUBLICIDADE