Microsoft distribuíu en SIMO un libro para programadores da editorial galega Krasis

mércores, 30 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Krasis Press, tal e como anunciamos hai uns días, vén de xogar un papel de primeira liña na máis recente edición de SIMO Network, a feira tecnolóxica con sede en Madrid que este ano se celebrou entre o 22 e o 24 de setembro. Máis polo miúdo, o papel da empresa galega foi, para entendérmonos, un papel de divulgación en toda regra. Así o fixeron saber os organizadores da feira e así o fixo saber Microsoft, que elixiu á editorial tecnolóxica galega para elaborar e distribuír de balde 6.000 exemplares (a primeira tirada) dun exclusivo libro especializado para programadores.
Cómpre sinalar que a saída do libro (que como dixemos contou co aval de Microsoft) non é a única colaboración activa entre as empresas, posto que Krasis xa puxo en marcha o desenvolvemento de dous novos cursos sobre formación para socios de Microsoft e incluíu o devandito traballo no SCRIBD, a rede social de libros que só vende en EE UU pero que abre as súas portas para a primeira incursión procedente do estado español: o libro de Krasis, Tecnologías ASP.NET 4.0 (Saltando desde la versión 2.0).
Segundo informa a compañía galega, este título en cuestión adiántase medio ano a calquera outra publicación no tratamento do Live Binding e no filtrado automático de datos con Query Extenders, ámbalas dúas tecnoloxías dispoñibles na máis recente plataforma de desenvolvemento web de Microsoft: ASP. NET 4.0. En definitiva, trátase de achegar todo tipo de recursos para incrementar a produtividade empresarial mediante aplicacións 2.0 (participativos e abertos aos internautas).
Por certo que a distribución de exemplares da semana pasada inseriuse nun primeiro intre dentro do ReMIX 2009 (evento de Microsoft encamiñado a desenvolvedores web) para integrarse nos vindeiros días na presentación do Visual Studio 2010, unha xira que se estenderá por todo o estado español até finais de ano.

PUBLICIDADE