Movistar xa activa a simetría na fibra óptica dos clientes que o soliciten

luns, 9 de maio do 2016 Marcus Fernández

Os clientes de Movistar poden comprobar en tests de velocidade en liña como xa poden achegar contidos á Rede a unha velocidade equivalente á que poden recibir contidos

Tras numerosas informacións non oficiais, a pasada fin de semana comezou a activación da simetría nos clientes de fibra óptica de Movistar que o solicitaban, detallándose as condicións nas que se pode acceder a esta oferta no blog oficial da compañía.
Deste xeito, os usuarios que conten con conexións de 30 ou 300 Mbps de descarga poderán gozar da mesma velocidade de subida sen custo adicional e con só solicitalo no caso de gozar con paquetes converxentes (Fusión+, Fusión Pro, Fusión+ BAR, Fusión Contigo TV e Fusión Contigo) coa excepción do vello paquete Fusión Contigo TV de 10 Mbps. Os clientes de Movistar con conexións de fibra óptica sen telefonía móbil asociada terán que pagar un sobrecusto de 5 euros/mes no caso de querer gozar dunha conexión simétrica.
A solicitude da simetría pode facerse axilmente a través dunha chamada ao teléfono 1004 e, ao longo do día, confíase en que estea dispoñible a posibilidade de realizar o trámite a través da aplicación móbil Mi Movistar, segundo nos comunicaron dende o servizo de atención ao cliente.
Con estas novas velocidades (dispoñibles dende o primeiro día para novos clientes) ábrese un novo episodio dentro da banda larga en España pois, aínda que outros operadores xa a ofrecían comercialmente dende hai meses, Movistar é a compañía con maior número de liñas FTTH (no mes de febreiro tiña rexistradas 2.371.787 liñas de fibra óptica no ámbito doméstico, mentres que o resto de operadores xuntos superaban o millón de liñas por primeira vez).
A simetría da banda larga supón numerosas vantaxes, principalmente á hora de converter a Rede nunha canle de comunicación bidireccional, de xeito que labores como subir contidos á Rede, realizar videoconferencia de alta definición ou compartir documentos con compañeiros de traballo, deixan de ser unha tarefa pesada, e no caso de conexións de 300/300 Mbps estaría na liña de meirande parte de contornos laborais en rede local (que en moitos casos funcionan a 100/100 Mbps) o que é un grande incentivo para a creación de redes privadas virtuais na que compañías con distintas sedes poidan traballar como se estivesen nunha única instalación sen ver como as comunicacións entre os seus equipos se eternizan).

PUBLICIDADE