Nace a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica

luns, 4 de abril do 2011 Marcus Fernández

Na tarde do pasado venres, a biblioteca do Centro Galego de Arte Contemporánea acolleu a asemblea fundacional da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT), entidade sen ánimo de lucro que xunta a persoas dedicadas á comunicación, tecnoloxías, innovación, ambiente e saúde, o que inclúe a persoal científico comprometido coa divulgación científica, xornalistas especializados na comunicación social da ciencia e a innovación, persoal técnico de museos científicos e calquera persoa vinculada coa divulgación científica rigorosa e de calidade.
Ao encontro ao que acudiron 30 asociados, que aprobaron os estatutos da nova asociación, elixiron á súa xunta directiva e fixeron distintas propostas de actividades a emprender nos vindeiros meses, destacándose a intención de contar cun espazo na Internet que poida servir a medios de comunicación, docentes e público en xeral como referente da ciencia a nivel galego, facilitando así a difusión do coñecemento científico e tecnolóxico en xeral.
A AGCCT persegue un achegamento entre o ámbito científico e o da comunicación, así como fomentar a presenza dos comunicadores da ciencia en foros de discusión e decisión, así como contribuír á colaboración entre os seus asociados.
Nas vindeiras semanas a Asociación estreará unha marca coa que pretende darse a coñecer á sociedade galega.

30 asociados acudiron á asemblea fundacional da AGCCCT

PUBLICIDADE