No verán de 2012 comezará o proceso de reorganización das frecuencias da TDT

luns, 21 de novembro do 2011 Marcus Fernández

O pasado venres o Consello de Ministros aprobou o Plan Marco de Actuacións para a Liberación do Dividendo Dixital, que establece a axenda que permitirá liberar a banda dos 800 MHz para a prestación de servizos de telecomunicacións (especialmente de banda larga móbil) e que deberá completarse antes de 2015, o que suporá unha serie de actuacións que incluirán unha nova resintonización da distintas canles da Televisión Dixital Terrestre (TDT) que nalgún caso puntual incluso requiriría a adaptación de antena doméstica.
Coa reordenación de frecuencias, a TDT quedará limitada aos 470-790 MHz, mentres que as frecuencias de 790 x 862 MHz (correspondentes ás canles 61 a 69) deberán liberarse, para cumprir coa Axenda Dixital Europea, que prevé que estas frecuencias poidan aproveitarse para achegar conexións de banda larga móbil a 30 Mbps a boa parte dos cidadáns antes de maio de 2020.
O Plan Marco aprobado detalla actuacións entre 2012 e 2014, e estaba previsto na Lei de Economía Sustentable, e será a partir de xullo de 2012 cando comezará a migración de frecuencias.