O Big Data centrará o vindeiro venres unha xornada do CPEIG en Ourense

luns, 25 de abril do 2016 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organizan o vindeiro venres 29 a xornada Faladoiros dixitais ao redor do Big Data. O encontro é o primeiro da segunda edición da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase no Centro de Coñecemento La Molinera, na cidade de Ourense.
Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual ao redor do Big Data. Os relatores exporán as características e requisitos das súas funcións profesionais, tanto de xeito individual coma nun debate conxunto e aberto ao público.
Tras a benvida institucional ás 9:45 horas, a cargo do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez intervirá David Losada, director do Master Big Data da USC.
Despois dun descanso, ás 11:45 horas. falarase de Boas Prácticas en Big Data, a través das experiencias de Abanca e PSA Groupe. Os relatores serán Adolfo de la Torre, experto en Infraestrutura IT de PSA Groupe, quen disertará ao redor dun relatorio cuxo título é Do Big Data ao Smart Data, tecnoloxía e conceptos e por parte de Abanca intervirán Jorge García Romarís e José Valiño.
Como remate da xornada está previsto un debate entre os relatores e o público. A organización prevé que o encontro remate contra as dúas da tarde.
A inscrición é libre e de balde, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse por correo electrónico ou vía web.

PUBLICIDADE